Luis López anuncia no Día de Europa unha viaxe a Bruxelas cunha axenda chea de encontros para avanzar na promoción do destino turístico e na captación de fondos

O mandatario provincial, xunto co deputado Javier Tourís, reunirase con membros da Fundación Galicia Europa, da Comisión de Desenvolvemento Rexional, da Rede Europea de Gobernos Locais e estará nunha presentacións das DO Vitivinícolas galegas

09/05/2025

​​​​​​​Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, viaxará a vindeira semana a Bruxelas para manter na sede principal da Unión Europea distintas reunións de interese para a provincia. O mandatario provincial, xunto co deputado responsable de Fondos Europeos, Javier Tourís, estará na capital europea desde o 14 ao 16 de maio para manter un encontro coa Fundación Galicia Europa, levar a política provincial de turismo sustentable e desestacionalizado nunha xuntanza con Partenalia, a rede europea de gobernos locais; reunirse con membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional e acompañar aos responsables das denominacións de orixe vitivinícolas galegas na presentación dun dos produtos máis identificativos da provincia. “Europa importa e aporta. Así que queremos ter presenza alí, levar os nosos proxectos e enriquecernos con outras experiencias de éxito que se poden aplicar a provincia”, explicou o dirixente na comparecencia posterior á celebración da Xunta de Goberno de cada venres.

Un anuncio por parte do mandatario provincial que coincide coa conmemoración do Día de Europa, unha data na que o presidente López aproveitou para remarcar o compromiso europeísta do executivo provincial. “Falamos de algo máis que un territorio, é un proxecto de paz, de benestar e de prosperidade común. Pontevedra é unha provincia europea e europeísta. Non só porque milita neses valores, senón porque a pertenza a Unión ten dado mostras de que é bo para a nosa xente”, afirmou.

Os resultados deste proxecto común na provincia contan desde este mesmo venres cun novo escaparate. A páxina web institucional da Deputación de Pontevedra estreou este venres un novo espazo centrado especificamente en proxectos executados con fondos europeos. Un portal no que os usuarios teñen acceso a preto de 40 iniciativas impulsadas polo organismo provincial e que acadaron financiamento de distintos fondos da Unión Europea polo seu interese para a mellora da calidade de vida na provincia. Son proxectos de todo tipo, desde Cooperación cos gobernos locais, ata plans de dixitalización ou mellora da eficiencia enerxética, pasando por medidas para o Reto Demográfico ou a Acción Comunitaria entre outras.

Ligazóns de interese

videos

audios