A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse nas escolas de remo e piragüismo do programa O Noso Club

Abriranse escolas desta modalidade en 20 concellos da provincia, e o programa xa conta na actualidade con máis de 1.500 mozas e mozos inscritos en escolas de judo, balonmán, taekwondo, loita, atletismo, baloncesto e rugby

01/02/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns 2 de febreiro as inscricións nas escolas de remo e piragüismo que se porán en marcha en 20 concellos da provincia a través do programa O Noso Club, a canteira de canteiras provincial para fomentar o deporte entre a mocidade e ampliar a base dos clubs e federacións pontevedresas. As solicitudes poden formalizarse a través do formulario dispoñible no sitio web da Deputación.

Na modalidade de remo abriranse escolas nos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo, O Grove, Marín, Moaña, Tui e Vilagarcía de Arousa. Pola outra banda, na modalidade de piragüismo poranse en marcha escolas nos concellos de Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Mondariz, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

O Noso Club é un programa gratuíto para que as nenas e nenos de entre 6 e 16 anos da provincia poidan practicar novas disciplinas deportivas nunha contorna accesible, gratuíta e de calidade. A Deputación de Pontevedra busca que cada nena e neno se sinta parte dun verdadeiro club, onde o importante non é gañar senón pasalo ben, facer amizades e gozar do seu deporte preferido sen importar o seu nivel. Na actualidade, o programa conta con máis de 1.500 mozas e mozos inscritos nas modalidades de judo, balonmán, taekwondo, loita, atletismo, baloncesto e rubgy.