Luisa Sánchez salienta o alto nivel competitivo da final a catro autonómica de balonmán e lamenta a indispoñibilidade do pavillón do Carballal
30/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, puxo en valor a celebración da final a catro autonómica masculina e feminina de balonmán que organiza a AD Carballal esta fin de semana no Pavillón Manuel González Soto de Chapela. Neste sentido, lamentou que o club anfitrión non poida organizar a competición no polideportivo municipal de Cabral por mor do mal estado que arrastra desde hai tempo.
Luisa Sánchez tamén destacou o alto nivel deportivo das dúas fases de ascenso. Na categoría masculina participarán o Distevi Seis do Nadal, o Balonmán Chapela, o Sar Opmobility e o Noraza Atlántico. Mentres, na categoría feminina xogarán a AD Carballal, o Balonmán Sanmartolomeu, o Lavadores e o Calvo Xiria. A responsable provincial subliñou que eventos como este reforzan á provincia como “referente na organización de competicións deportivas”.

