A Deputación destina preto de 70.000 € para o acondicionamento das pistas e a mellora da eficiencia no complexo deportivo do Xistro, en Bueu

A Xunta de Goberno deu luz verde á concesión da axuda no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que destina a Bueu preto de 150.000 euros

26/06/2026

Luis López na conferencia de prensa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha axuda ao Concello de Bueu por valor de máis de 66.000 euros co obxecto de financiar as obras de acondicionamento das pistas e da mellora da eficiencia enerxética do complexo deportivo do Xistro. Trátase dos recursos que tiña pendentes de aprobación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.

O proxecto contempla a reparación completa do pavimento, deteriorado polo paso do tempo, para adaptalo ás condicións esixibles, así como a mellora da eficiencia enerxética mediante a substitución das luminarias actuais (halóxenos) por proxectores LED e a eliminación dos dous báculos que se atopan no medio das pistas. Ademais, o acondicionamento tamén inclúe a montaxe dun novo peche das pistas deportivas para substituír o actual, que ao igual que o pavimento se atopa moi deteriorado.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas destina nesta terceira edición ao Concello de Bueu preto de 150.000 euros. Ademais dos 66.000 euros aprobados esta semana, xa se lle concederon outros 74.000 € para financiar dúas actuacións: a mellora da eficiencia enerxética do alumeado do campo de fútbol das Laxes e a renovación da iluminación exterior da piscina municipal.

O presidente Luis López asegurou que “os recursos do PEID permítennos sumar os concellos a esta aposta estratéxica da Deputación”, que busca “que esteamos nas mellores condicións tanto para a práctica deportiva como para a celebración e atracción de eventos”.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.