A Deputación de Pontevedra destina 8.000 € para rotular varias zonas do pavillón deportivo de Lalín

A actuación finánciase integramente con recursos procedentes do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas convocado pola Deputación

28/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda ao Concello de Lalín no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas co obxecto de rotular diferentes zonas do seu pavillón municipal. A institución provincial destinará a este fin preto de 8.000 euros que permiten sufragar a actuación na súa totalidade, e que forman parte dos máis de 202.000 euros que ten á súa disposición Lalín no marco da terceira edición do plan.

A actuación permitirá a subministración de carteis para rotular diferentes zonas do pavillón municipal de Lalín. O proxecto inclúe o proceso de deseño de carteis de promoción deportiva e de identificación de espazos, así como a fabricación de arredor dunha vintena de exemplares (utilizando materiais como PVC espumado de 5 milímetros, vinilo ácido translúcido de 80 micras, e vinilo sobre chapa de aluminio lacado) axustados cada un deles ás dimensións das bases de soporte e aos seus emprazamentos, e finalmente a súa colocación.

Con recursos do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros, os concellos de menos de 50.000 habitantes poden impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotalas de equipamento ou adquirir terreos para uso deportivo. Ademais de para esta actuación, Lalín tamén empregará os seus recursos dispoñibles nesta convocatoria para a subministración e instalación dun pavimento vinílico para a pista do pavillón municipal (60.000 €), a adquisición de materiais deportivos e audiovisuais para o estadio Manuel Anxo Cortizo (46.000 €), a cuberta dunha zona de xogos (31.000 €), a reposición de muro de peche no lateral del campo de fútbol (26.000 €), a adquisición de material para o estadio San Lorenzo de Vilatuxe (17.000 €) e a adquisición dun garaxe para salto con pértega e somier para colchón (14.000 €).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.