A Deputación activa as axudas dotadas con 600.000 euros para apoiar o deporte náutico da provincia no 2026

Os clubs deportivos que participan en competicións de piragüismo, remo e vela teñen 20 días de prazo para solicitar esta liña, que aumenta o seu orzamento en 50.000 euros

22/04/2026

A Deputación de Pontevedra abre este xoves 23 de abril o prazo para solicitar as axudas para apoiar o deporte náutico da provincia no 2026, dotadas con 600.000 euros, 50.000 máis que no 2025. Desta maneira, os clubs deportivos de piragüismo, vela e remo terán 20 días para presentar as súas solicitudes, despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Esta liña de axudas da Deputación de Pontevedra está dirixida aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, ao que o organismo destinará este ano 335.000 euros; remo, que contará con 160.000 euros, ou vela, con 105.000 euros.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e cada club poderá recibir un máximo de 28.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar as entidades deportivas atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.