A Deputación destina máis de 23.000 euros ao Concello de Catoira para a pavimentación de camiños

Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 850.000 euros ao sumar 500.000 euros do 2026 e o adianto de preto de máis de 351.000 euros da liña de investimentos do 2027

10/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de máis de 23.000 euros para que o Concello de Catoira faga fronte á pavimentación de camiños da vila que se atopan en mal estado. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis 850.000 euros, ao sumar 500.000 euros do 2026 e o adianto de máis de 351.000 euros da liña de investimentos do 2027.

Con estes recursos provinciais actuarase en catro pistas: na Menda, en Baiuca, na contorna do Centro Médico e en Oeste. En liñas xerais, nas catro vías proxéctase a mellora mediante unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente sobre o firme actual. Deste xeito, na Menda reforzarase o firme mediante unha nova capa de aglomerado xa que a actual atópase en mal estado de conservación.

Pola súa banda, en Baiuca reforzarase o firme mediante unha nova capa de aglomerado para garantir unhas condicións axeitadas de seguridade. No caso da pista do centro médico, parte da plataforma ten un pavimento natural mentres que outra conta con firme deteriorado, polo que se fai necesario homoxeneizar e renovar a capa de rodaxe. Finalmente na pista de Oeste, a plataforma presenta danos ocasionados polas raíces das árbores próximas, polo que se explanará e renovará a capa de rodaxe.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.