Luisa Sánchez e a AVC Casco Vello exploran fórmulas de colaboración para facer medrar a Reconquista de Vigo

A reunión permitiu concretar as vías que ofrece a Deputación para reforzar a actividade da asociación e compartir propostas que aumenten a proxección da “festa máis viguesa”

27/08/2026

Luisa Sánchez e a AVC Casco Vello exploran fórmulas de colaboración para facer medrar a Reconquista de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, mantivo unha reunión con representantes da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, entidade organizadora da Festa da Reconquista, para explorar vías de colaboración para facer medrar o evento nas vindeiras edicións.

O encontro, que se desenvolveu nun ambiente de sintonía e coa vontade de traballar de xeito coordinado, permitiu compartir ideas e orientar á asociación sobre os recursos que pode ofrecer a institución provincial para reforzar a principal festa local de Vigo, que cada ano reúne a miles de persoas no corazón da cidade. Neste senso, Luisa Sánchez veu “con bos ollos” as diferentes propostas que trasladou a asociación para que a Reconquista “poida promocionarse aínda máis e poñer en valor a súa historia”.

Durante a reunión, na que participaron o presidente da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de Vigo, Pepe Fumega, e o secretario, Fiz Axeitos, tamén se abordou o obxectivo compartido de avanzar na declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Internacional, un recoñecemento que permitiría potenciar a proxección da celebración máis alá de España.

Neste sentido, a vicepresidenta provincial valorou positivamente o paso dado no pleno da corporación local de Vigo, que aprobou a moción preceptiva para acadar o recoñecemento internacional. O acordo municipal supón o punto de partida para obter ese novo rango e outorgar unha maior dimensión a este evento. “A declaración como Festa de Interese Turístico Internacional representaría un punto de inflexión para a Reconquista. O acordo do pleno municipal abre esa porta. Agora cómpre traballar para que a festa máis viguesa acade esa declaración e sexa máis coñecida alén das nosas fronteiras”, indicou Luisa Sánchez.

A vicepresidenta gabou o traballo desenvolvido pola Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello para recuperar esta festa a finais do século pasado e por engrandecer unha celebración ligada á historia de Vigo, que cada 28 de marzo festexa a expulsión do exército napoleónico. “A asociación conseguiu aglutinar a todo Vigo arredor da Reconquista. Esta festa contribúe a sentirnos orgullosos da nosa historia e do noso presente como cidade. Desde a Deputación queremos acompañar á entidade que a organiza e estudar conxuntamente todas as posibilidades para que siga gañando proxección”, concluíu Luisa Sánchez.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.