A Deputación organiza este domingo nas Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda e Forcarei, a segunda ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas

Da man de SEO/BirdLife, a actividade, coas 25 prazas ofertadas cubertas, realizarase nunha contorna natural que polas súas características é refuxio dun importante número de aves

21/05/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo nas Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda e Forcarei, a segunda ruta ornitolóxica do programa Voando nas Rías Baixas, impulsado pola institución para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural. Da man de SEO/BirdLIfe, a actividade, coas 25 prazas ofertadas cubertas, realizarase nunha contorna que polas súas características é refuxio dun importante número de aves.

As Brañas de Xestoso é unha representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra que conta con diferentes ecosistemas, coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueira baixa, rochedos, carballeiras... Entre as aves que habitan a contorna destacan as rapaces, coma a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira.

Durante a ruta, que inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que terá lugar a actividade, as e os participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que as persoas participantes leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará o 21 de xuño nas praias da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) e da Mexilloeira (O Grove). Despois do verán chegará a novidade deste ano, a ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, da ruta pola da desembocadura do río Lérez pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando o calendario da edición o 13 de decembro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.