A Deputación remata este domingo cun concerto de Carlos Nuñez no Porto de Aldán, en Cangas de Morrazo, o ciclo Son Verán
A actuación, para a que se poden reservar entradas de balde desde hoxe mesmo en entradas.ataquilla.com, terá lugar ás 19:00 horas e porá o broche de ouro á nova edición dos concertos estivais, que levará ademais o sábado a Queiman Folk-Rock ao Porriño, na praza Arquitecto Palacios ás 20:30 horas
21/09/2026
A Deputación de Pontevedra remata este domingo, 27 de setembro o ciclo Son Verán cun concerto de Carlos Nuñez en Cangas de Morrazo. A actuación, para a que xa se poden retirar invitacións de balde en https://entradas.ataquilla.com, terá lugar ás 19:00 horas no Porto de Aldán. Previamente, o sábado 26, o ciclo musical levará a Queiman Folk-Rock ao Porriño, unha actuación que terá lugar na praza Arquitecto Palacios ás 20:30 horas.
O ciclo da Deputación Son Verán presta especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación. As actuacións estiveron repartidas por diferentes comarcas en espazos culturais e patrimoniais de referencia dos concellos da provincia co obxectivo de apoiar e complementar as súas programacións, sen interromper as destes, e apostar por espazos nos que se poña en valor a música galega e o propio patrimonio artístico e natural da provincia.
Son Verán contou con catro grandes bloques, ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo, e comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano” desfrutouse en Caldas de Reis, Forcarei e Vilanova de Arousa, The Crass ofreceu un concerto en Cerdedo Cotobade, Queiman Folk en Valga e Laroá en Ribadumia. Neste mes de setembro, Son Verán chegou ademais á Guarda, As Neves, Redondela e Marín, con concertos de Laroá, Roi Casal e Carlos Nuñez.