A Deputación leva este domingo ata a praia da Lanzada unha nova ruta ornitolóxica do programa provincial Voando nas Rías Baixas

Da man de SEO/BirdLife, a actividade, coas 25 prazas cubertas, permitirá gozar dun dos últimos redutos da provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción

18/06/2026

A Deputación leva este domingo ata a praia da Lanzada unha nova ruta ornitolóxica do programa provincial Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata a praia da Lanzada, nos concellos do Grove e Sanxenxo, unha nova ruta ornitolóxica do programa provincial Voando nas Rías Baixas na que participarán 25 persoas. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a terceira das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

A zona pola que se desenvolve a ruta é un dos últimos redutos da provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Na praia da Lanzada, a través de telescopios e prismáticos, e mantendo unha distancia prudencial, as e os participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras coas súas adorables crías, que corrican pola area. Ademais, tamén se explicarán os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos areais.

Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará coa ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, da ruta pola da desembocadura do río Lérez pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando os percorridos desta edición o 13 de decembro.