A Deputación de Pontevedra aproba o convenio para investir máis de 3 millóns de euros na humanización da rúa Doutor Carracido, en Vigo
14/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno deu luz verde este venres ao convenio de colaboración co Concello de Vigo para investir 3 millóns de euros na humanización da rúa Doutor Carracido e avanzar na mellora da cidade, como xa adiantara a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez. A institución provincial achegará preto do 70% do orzamento para o proxecto, con preto de 2,2 millóns de euros, e é un avance máis no compromiso da Deputación co desenvolvemento da cidade.
Fai unhas semanas, os técnicos provinciais remitiron ao Concello a revisión do proxecto para poder así chegar á aprobación do convenio, que permite avanzar nun proxecto que busca converter esta rúa do vigués barrio de Lavadores nun espazo cómodo e accesible, máis amable e máis seguro para a veciñanza. Desta maneira, procederase á ampliación e renovación das beirarrúas, ao asfaltado integral da calzada, á instalación de novo mobiliario urbano, á renovación das infraestruturas subterráneas, á mellora da iluminación e á revalorización do espazo público.
Os traballos, unha vez se adxudiquen, terán unha duración de doce meses, e, como explicou o presidente Luis López, “son unha mostra máis do compromiso absoluto que ten esta Deputación con Vigo, compromiso que se cuantifica en máis de 56 millóns de euros”.
