A Deputación encara a Semana Santa coa maior parte das oficinas da Rede Info RíasBaixas xa operativas
A apertura progresiva de puntos de información en toda a provincia consolida un modelo coordinado, de calidade e adaptado á demanda turística de cada momento do ano
02/04/2026
A Deputación de Pontevedra comeza a Semana Santa coa Rede Info RíasBaixas cun amplo despregue territorial e cunha parte moi significativa das súas 34 oficinas e puntos de información turística adheridos xa operativos, garantindo información turística de calidade nun dos momentos de maior afluencia turística do ano.
Desta maneira, ademais da sede central de Turismo Rías Baixas localizada no Palacete das Mendoza, en Pontevedra, a Semana Santa comeza cunha vintena de oficinas e puntos de información en funcionamento, na Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Cambados, Cangas (Casa da Bola), Gondomar, Lalín (Museo Ramón Aller), Moaña, O Grove, O Porriño, Poio (Casal de Ferreirós), Redondela, Ribadumia, Silleda (Carboeiro), Sanxenxo, Tui, Vilanova de Arousa (Casa-Museo Valle-Inclán) e Vilagarcía de Arousa, incluíndo tamén o punto de información do MUFEVI.
A rede, impulsada pola Deputación e xestionada polos concellos, continúa así a súa evolución desde a súa creación en 2018, cando contaba con 28 puntos e oficinas turísticas, consolidándose desta maneira como un sistema coordinado, flexible e adaptado á realidade de cada un dos concellos da provincia, no que a apertura das oficinas responde á demanda turística de cada momento do ano.
A Rede Info RíasBaixas funciona baixo unha ordenanza reguladora que establece criterios comúns de funcionamento e requisitos técnicos en materia de infraestrutura, accesibilidade, mantemento e prestación do servizo. A Oficina de Turismo Rías Baixas actúa como sede central e coordina o conxunto da rede, facilitando ás entidades adheridas acceso a ferramentas dixitais de xestión de contidos e á Plataforma de Destino Turístico Intelixente (DTI).
Grazas a este sistema, a rede non só informa, senón que tamén xera coñecemento estratéxico a través do Observatorio Turístico Rías Baixas, que analiza perfís, motivacións de viaxe e patróns da demanda, fundamentais para a planificación turística da provincia. Desta maneira, no ano 2025 rexistráronse 350.000 visitantes atendidos na rede e realizáronse arredor de 90.000 enquisas, o que ofrece unha radiografía detallada do destino que desvela, entre outras cuestións, unha valoración media da experiencia turística situada en 4,5 sobre 5.
Distintivos de calidade, persoal profesional e imaxe común
A calidade do servizo é outro dos piares fundamentais da rede. A Deputación presta apoio técnico ás oficinas para a obtención de distintivos como a Marca Q de Calidade Turística, regulada pola norma UNE-ISO 14785. Na actualidade, 11 oficinas e puntos de información da provincia contan con este distintivo: a Oficina de Turismo Rías Baixas (sede central), A Illa de Arousa, A Estrada, Baiona, Poio (Casal de Ferreirós), Vilanova de Arousa (Mar de Santiago), Cangas (Casa da Bola), Bueu, Sanxenxo, Cambados e Nigrán (Dunas de Gaifar).
Ademais, a rede conta cunha imaxe e cultura corporativa común que garante a súa identificación en todo o territorio, con elementos como sinalización, materiais expositivos, uniformidade e acreditación do persoal informador turístico. O servizo está atendido por profesionais especializados que ofrecen atención personalizada e, en moitos casos, multilingüe, contribuíndo a mellorar a experiencia das persoas visitantes desde o primeiro contacto co destino.
Información temática e materiais actualizados
As oficinas da Rede Info RíasBaixas distribúen cada ano milleiros de materiais informativos organizados por temáticas que permiten descubrir a provincia desde múltiples perspectivas. Entre eles atópanse publicacións como Cultura Rías Baixas, Experiencias Rías Baixas, Rías Baixas Natural, Rías Baixas a pedir de boca, Arquitectura contemporánea, Camelias, Camiños de Santiago, En ruta polas Rías Baixas ou Patrimonio Rías Baixas. Esta información complétase cun asesoramento directo que permite orientar ás persoas visitantes segundo os seus intereses, convertendo cada oficina nun punto clave na planificación da viaxe.
A aposta polo modelo de Destino Turístico Intelixente tradúcese tamén na incorporación de novas tecnoloxías ao servizo de información turística. A rede emprega ferramentas dixitais que permiten actualizar contidos en tempo real, mellorar a xestión interna e ofrecer unha experiencia máis completa e adaptada aos novos hábitos de consumo.
Ademais, as oficinas e puntos de información que forman parte da rede acceden ás axudas convocadas para a prestación do servizo de información turística da Deputación de Pontevedra para a dotación de persoal, que o ano pasado repartiron 260.000 euros, 30.000 € máis que no 2024, entre 29 oficinas que recibiron desde 6.300 a 14.000 euros cada unha. Ademais, poden participar en iniciativas de innovación e promoción, como Tourist Inside Rías Baixas, o que reforza a capacidade da rede para evolucionar cara a un modelo máis moderno, conectado e eficiente.
En definitiva, coa activación das oficinas en Semana Santa, a Rede Info RíasBaixas consolida o seu papel como porta de entrada ao destino e marca o inicio dunha nova tempada turística na provincia. Un modelo baseado na calidade, na profesionalización e na cooperación institucional que permite ofrecer unha atención próxima, actualizada e eficaz en todo o territorio, convertendo cada oficina nun punto de conexión directo entre as persoas visitantes e a riqueza das Rías Baixas.