Luis López recoñece nas dez iniciativas distinguidas pola Deputación a “persoas e entidades que practican a igualdade e converten as palabras en feitos e avances”
A Deputación premia a Faraxa pola abolición da prostitución de Vigo, o Conservatorio Superior de Música de Vigo, a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e ao CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, gañadores nas categorías de iniciativa social, cultura, deporte e educación
10/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece nas persoas e entidades distinguidas nos terceiros Premios Boas Prácticas en Igualdade, entregados este martes nun acto celebrado no Pazo provincial, a referentes que “non empregan a igualdade como un cliché, senón que a practican e converten en feitos e avances as palabras e as declaracións de intencións”. Este certame foi creado polo goberno provincial para poñer en valor o traballo diario que realizan distintos colectivos da provincia co obxectivo de construír unha sociedade máis igualitaria e xusta e, en tres convocatorias, 27 recoñecementos. No salón de plenos, o mandatario provincial e membros do seu goberno entregaron catro novos distintivos e accésits e as tres distincións honoríficas.
“Hai un tempo entregamos os primeiros premios Boas Prácticas en Igualdade coa pretensión de enxalzar e poñer no foco o extraordinario traballo de persoas e colectivos da nosa provincia. E hoxe, tres convocatorias despois, xa son 27 os colectivos e persoas recoñecidas pola súa achega incalculable á igualdade en eidos como a educación, a cultura, o deporte ou en iniciativas sociais”, subliñou o presidente da Deputación antes de recoñecer “o legado inspirador” de todos os colectivos distinguidos.
Na categoría de iniciativa social, o premio foi para Faraxa pola abolición da prostitución, exemplo de traballo para erradicar a explotación e violencia sexual, así como a trata de seres humanos. Unha categoría na que a a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa, foi recoñecida cun accésit. Na categoría de cultura o Conservatorio Superior de Música de Vigo foi premiado polo seu medio século de achega da arte e da cultura a toda a veciñanza. No ámbito deportivo, a candidatura gañadora foi a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, canteira de campioas, no deporte e na vida; cun accésit para a o Club Cisne Balonmán de Pontevedra. A categoría de educación recoñece este ano ao CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, cun áccesit para o CEIP A Lomba de Vilagarcía, exemplos ambos da concienciación en igualdade desde as idades máis temperás, auténtica clave para lograr unha sociedade asentada sobre as bases da igualdade. No apartado de distincións honoríficas, Empresarias de Galicia, colectivo fundamental para o desenvolvemento económico da provincia, como para darlle visibilidade ao traballo e talento das emprendedoras galegas; recibiu un recoñecemento xunto cos concellos de Lalín e Ribadumia polas súas políticas a prol da igualdade.
Ademais do presidente Luis López, na cerimonia tamén entregaron galardóns os vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, Ángeles Vázquez; e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós. O acto, ao que asistiron membros do goberno provincial, doutras entidades e representantes de entidades relacionadas coa igualdade en todos os eidos das provincia; comezou coa actuación musical a cargo de Antía Muíño, seguido dunha benvida dirixida pola presentadora Lucía Rodríguez para comezar, acto seguido, coa entrega dos premios. “Estou ante mulleres e homes de todas as idades, de visións diversas e orixes diferentes que construídes cada día unha provincia máis igualitaria, máis aberta e máis xusta. En definitiva, persoas que destacades a diario polas vosas boas prácticas en igualdade e que marcades o camiño do que esta provincia aspira a ser: un territorio que ofrece oportunidades a todas as súas fillas e fillos sen ningunha clase de prexuízo, discriminación nin, desde logo, violencia”, dixo Luis López despois de rematar a entrega de premios para felicitar a todos os distinguidos.
Compromiso coa igualdade
A entrega destes galardóns serviu tamén para adiantar parte do contido dos actos de conmemoración do 25N, o Día Contra a Violencia de Xénero, que promoverá a Deputación. “O 25 de novembro. Renderemos recordo ás mulleres que morreron asasinadas e volveremos unirnos nunha mesma voz: a de basta xa contra a violencia machista. Non cabe outra opción”, avanzou López.
Neste sentido, a Deputación remarca o compromiso coa igualdade non só apoiando e acompañando o labor que prestan a diario colectivos como os recoñecidos nesta convocatoria. O presidente provincial debullou tamén as iniciativas que está a desenvolver o seu goberno para construír unha provincia igualitaria. “Vimos de aprobar hai uns días o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano. Unhas contas de récord, 261,8M€. Neles, elevamos a partida para Igualdade nun 5,5%, ata os 1,9M€, para destinar recursos para impulsar accións dirixidas a fomentar a formación e empregabilidade de mulleres, axudas contra vítimas da violencia de xénero, axudas aos concellos ou, no plano da concienciación, iniciativas como Mulleres de Palabra, Mulleres no Foco e outras para poñer en valor o papel das mulleres na nosa sociedade”, enumerou o dirixente.
“Que a nosa sociedade sexa completamente igualitaria entre mulleres e homes é unha misión global. Xerar divisións, ensanchar fendas ou negar o problema só nos levará ao fracaso colectivo. Nada me gustaría máis que anunciar que esta é a derradeira edición destes galardóns. Pero non vai ser así porque mentres haxa mulleres asasinadas por homes, mentres haxa mulleres ás que se lles impide ascender na súa carreira laboral, ou mentres haxa mulleres que sintan a responsabilidade dos coidados é so súa; mentres iso non mude, seguiremos xuntándonos aquí cada ano, para conseguir, entre todos, que as vosas boas prácticas calen e acaben sendo unha realidade cotiá para toda a provincia”, rematou o presidente Luis López.
