150 nenos e nenas de 31 concellos desfrutarán na Lanzada da sexta quenda dos campamentos de Depo Aventura

A rapazada participará en diferentes actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove

29/07/2023

Os campamentos de “Depo Aventura” A Lanzada chega ao seu ecuador coa sexta quenda do programa, na que participarán a partir deste domingo 30 de xullo 140 nenas e nenos dun total de 31 concellos da provincia. Ao longo de seis días desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual. Neste verán e ata o 9 de setembro, serán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.

Nesta sexta quenda de Depo Aventura, as 70 nenas e 70 nenos (todas e todos elas/eles nadas/os entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (29); Pontevedra (17); A Estrada (9); Mos (7); O Porriño (7); Baiona (6); Cambados (6); Sanxenxo (6); Vilagarcía de Arousa (6); Redondela (5); Silleda (4); Covelo (3); Lalín (3); Ponteareas (3); Salceda de Caselas (3); Tomiño (3); Barro (2); Bueu (2); Cangas (2); Gondomar (2); Oia (2); Ribadumia (2); Soutomaior (2); Vilanova de Arousa (2); Arbo (1); O Grove (1); A Guarda (1); Marín (1); Moaña (1); O Rosal (1), e Tui (1).  

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrécelles ás nenas e nenos do campamento un programa de actividades destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Amais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.