140 nenos e nenas de 36 concellos desfrutarán na Lanzada da oitava quenda dos campamentos de Depo Aventura

A rapazada participará en diferentes actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove

12/08/2023

Desde este domingo 13 de agosto ata o próximo sábado 19, un total de 140 nenos e nenas de 36 concellos da provincia participarán na oitava quenda dos campamentos de “Depo Aventura” A Lanzada. Ao longo desas seis xornadas, grazas á Deputación de Pontevedra desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a coñecer lugares fóra da súa contorna habitual.

Nesta oitava quenda de “Depo Aventura”, as 70 nenas e 70 nenos (todas e todos nados entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (25), Pontevedra (19), Cangas (11), Ponteareas (7), O Porriño (5), Meaño (5), Salvaterra (5), Tomiño (4), O Grove (4), Marín (4), Nigrán (4), Redondela (3), Salceda (3), Valga (3), Vilaboa (3), A Cañiza (3), A Estrada (3), Gondomar (3), Lalín (3), Vilagarcía (2), Tui (2), Cambados (2), Meis (2), Poio (2), Baiona (1), Barro (1), Catoira (1), Covelo (1), A Illa (1), A Lama (1), Mos (1), Pontecesures (1), Ribadumia (1), O Rosal (1), Sanxenxo (1), A Guarda (1) e  Soutomaior (1).

A Deputación ofrécelles ás nenas e nenos do campamento un programa de actividades que, baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, está destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de “Depo Aventura” 2023, as crianzas realizan excursións a lugares como a Illa de Ons onde aprenden sobre a natureza e o coidado do medio ambiente.

Nesta edición de “Depo Aventura”, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.