O presidente da Deputación visita os campamentos de “Depo Aventura” na Lanzada

O presidente Luis López e o deputado Jorge Cubela saudaron os preto de 140 rapaces que están a pasar esta semana no Centro Vacacional da Lanzada no marco do programa provincial

09/08/2023

Luis lópez na Lanzada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, visitaron esta mañá no Grove o Centro Vacacional da Lanzada, onde preto de 140 nenos e nenos están a pasar esta semana no marco dos campamentos de verán do programa “Depo Aventura”. O presidente provincial saudou os cativos no anfiteatro do complexo, “queriamos que nos derades envexa porque quen nos dera estar aquí a nós!”, e salientou que o deputado Jorge Cubela foi usuario dos campamentos na súa infancia “e ata se lembra da tenda de campaña na que estaba”.

Luis López pediulle á rapaza “que desfrutedes e aproveitedes todo o que pon á vosa disposición a Deputación nestas magníficas instalacións”. Neste senso, o presidente puxo en valor “a infinidade de actividades” de “Depo Aventura”, que “vos valen para desconectar un pouco do voso día a día e tamén para adquirir valores e inculcarvos hábitos saudables e de contacto coa natureza”. Na súa visita, o presidente provincial tamén se interesou por coñecer cales son as súas actividades favoritas do campamento e as melloras que lles gustaría introducir no programa. A máis aplaudida de todas foi a creación dunha sala de cinema.

Tralo saúdo, o presidente percorreu as instalacións e asistiu a algunhas das actividades nas que participaron varios grupos da rapazada dentro do Centro Vacacional e tamén na praia da Lanzada. Así, mentres que nas instalacións da Deputación se desenvolveron un obradoiro sobre mulleres científicas, unha actividade para crear a mascota oficial do programa na próxima edición e outras de deportes alternativos e tiro con arco, a rapazada que se achegou ata o areal puido gozar de actividades de bodyboard, snorkel, intermareal e outros xogos na praia.

Os preto de 140 rapaces e rapazas que están esta semana nos campamentos de “Depo Aventura” correspóndense coa sétima das once quendas nas que está dividido o programa. Trátase de menores nados entre os anos 2010 e 2015 e procedentes de 34 concellos: Vigo (26), Pontevedra (19), Poio (8), Vilagarcía de Arousa (7), Moraña (6), Ponteareas (6), Tomiño (6), Cangas (5), Ponte Caldelas (5), Gondomar (4), Lalín (4), Meis (4), O Porriño (4), Vilanova de Arousa (4), Bueu (3), Marín (3), Moaña (3), Caldas de Reis (2), Catoira (2), Cuntis (2), Mos (2), Redondela (2), Sanxenxo (2), Vilaboa (2), Barro (1), Cambados (1), Campo Lameiro (1), A Cañiza (1), A Estrada (1), A Illa de Arousa (1), Meaño (1), Nigrán (1), Salceda de Caselas (1) e Salvaterra de Miño (1).

O programa de “Depo Aventura” deste ano leva por nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, co obxectivo de favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna, con saídas a contornas naturais como a propia praia da Lanzada ou a illa de Ons. Nesta edición, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de practicamente todos os concellos da provincia (58).

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.