Luis López cita os investimentos nos concellos, o impulso a Barro-Meis ou os Polos de Emprendemento como mostra do compromiso da Deputación co colectivo de autónomos
O presidente provincial vén de participar este sábado no Congreso de Traballadores Autónomos que APE Galicia organizou en Sanxenxo, onde debullou as iniciativas de apoio ao emprendemento que inclúe o Orzamento da Deputación para o 2027
07/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fai referencia ao compromiso estratéxico do executivo provincial no apoio ao tecido empresarial da provincia, á creación de emprego e aos investimentos en todos os eidos e por todo o territorio. Fíxoo no Congreso de Traballadores Autónomos que APE Galicia celebrou este sábado en Sanxenxo nun discurso no que puxo o foco nos 3,7M€ que o Orzamento provincial do vindeiro ano 2027, así como o impulso ao polígono de Barro Meis ou a alianza coa Xunta para apoiar as iniciativas emprendedoras a través dos novos Polos de Emprendemento que abrirán en Vigo, Ponteareas e Cangas de Morrazo.
“Na Deputación de Pontevedra somos conscientes de que a provincia conta cun tecido empresarial profesional, potente e comprometido; que neste territorio abundan as persoas capaces de emprender, innovar e destacar nun ecosistema global; e rexeitamos postulados absurdos que ven seres malvados nas persoas que arriscan o seu tempo e patrimonio para xerar emprego, pagar impostos e mellorar a calidade vida de todos. Un punto que, malia ser compartido por todos os que estamos aquí, segue sendo necesario repetir, remarcar e reforzar”, declarou o mandatario provincial nunha gala na que tamén participou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o presidente de APE Galicia, Jose Ramón Caldas, e representantes do tecido empresarial da provincia, para os que López tamén tivo palabras de recoñecemento.
Nesta gala que serviu para entregar o galardón “Autónomo distinguido”, o mandatario provincial aproveitou para debullar as principais partidas dirixidas a dinamizar a economía da provincia que recolle o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2027. “Reservamos un 4,3% máis de fondos para Fomento do Emprego, desenvolvemento económico e innovación, ata alcanzar os 3,9 M€; aprobamos o convenio coa Xunta de Galicia para crear 3 polos máis de emprendemento en Vigo, Cangas e Ponteareas, por 800.000 euros; impulsamos un dos Polígonos Empresariais máis demandados da provincia. A ocupación en Barro-Meis é do 100%, tanto das parcelas coma das 16 naves do noso Viveiro de Empresas, no que tantos emprendedores deron os seus primeiros pasos e que, por certo, aínda temos 11 oficinas libres; tamén promovemos a cultura do emprendemento entre a mocidade con programas como DepoEmprende ou cos Premios Provinciais á Xuventude; e xeramos unha chuvia fina que beneficia a empresas de todo tipo por toda a provincia como consecuencia dos investimentos en Cooperación, Infraestruturas, Turismo, Deporte, Cultura”, enumerou López
Finalmente, o mandatario provincial reafirmou o apoio da Deputación ao tecido empresarial da provincia e reiterar o recoñecemento a APE Galicia polo seu labor ao tempo que tendeu a man da Administración provincial para seguir reforzando as colaboracións co tecido empresarial e autónomo. “Somos unha provincia pequena en extensión pero con grandes emprendedores e o sector empresarial da provincia debe saber que ten nesta Deputación de Pontevedra un aliado estratéxico e un apoio sólido”, rematou o presidente provincial.
