140 menores de 32 concellos da provincia participan na segunda quenda dos campamentos da Lanzada

A rapazada participará en diversas actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións da Deputación na Lanzada

30/06/2023

Este domingo, 2 de xullo, arranca a segunda das once quendas dos campamentos de Depo Aventura na Lanzada, na que participarán 140 nenas e nenos de 32 concellos da provincia que ao longo de sete días desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual. Ao longo do verán, serán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia os que participen ata o 9 de setembro nas once quendas en que se dividen os campamentos.

Neste segundo campamento, que arranca o domingo, participan 70 nenas e 70 nenos, todos eles nados entre os anos 2010 e 2015. En concreto, proceden de Vigo (30); Pontevedra (17); Redondela (9); Ponte Caldelas (6); Ponteareas (6); A Cañiza (5); Bueu (5); Salceda de Caselas (5); A Guarda (5); Moraña (5); Lalín (4); Barro (4); Cangas (3); Baiona (3); Moaña (3); Mondariz (3);  Caldas de Reis (2); Vilagarcía (2); Campo Lameiro (2); Cerdedo-Cotobade (2); A Estrada (2); Sanxenxo (2); O Porriño (2); Salvaterra (2); O Grove (2); O Rosal (2); Forcarei (1); A Illa de Arousa (1); As Neves (1); Nigrán (1); Poio (1); Tui (1) e Silleda (1).

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrécelles ás nenas e nenos un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a inclusión, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Tamén realizarán o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, inclúese unha visita á Illa de Ons e unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.