140 nenos de 34 concellos chegan á Lanzada na sétima quenda dos campamentos “Depo Aventura”

Os pequenos de entre 8 e 13 anos desfrutarán nas instalacións da Deputación dun amplo programa de actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal

05/08/2023

140 cativos de 34 concellos da provincia participarán desde este domingo nos campamentos “Depo Aventura” da Deputación de Pontevedra na Lanzada. Nesta sétima quenda, cunha duración de seis días, a rapazada asistirá a múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal coas que tamén coñecerán lugares afastados da súa contorna habitual.

Nesta sétima quenda de “Depo Aventura”, as 70 nenas e 70 nenos (nados entre os anos 2010 e 2015) proceden dos concellos de Vigo (26), Pontevedra (19), Poio (8), Vilagarcía de Arousa (7), Moraña (6), Ponteareas (6), Tomiño (6), Cangas (5), Ponte Caldelas (5), Gondomar (4), Lalín (4), Meis (4), O Porriño (4), Vilanova de Arousa (4), Bueu (3), Marín (3), Moaña (3), Caldas de Reis (2), Catoira (2), Cuntis (2), Mos (2), Redondela (2), Sanxenxo (2), Vilaboa (2), Barro (1), Cambados (1), Campo Lameiro (1), A Cañiza (1), A Estrada (1), A Illa de Arousa (1), Meaño (1), Nigrán (1), Salceda de Caselas (1) e Salvaterra de Miño (1).

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrece á cativada do campamento un programa de actividades destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, os participantes escollerán a mascota oficial do programa (que se converterá na súa imaxe na próxima edición) e desfrutarán de excursións relacionadas coa natureza e o coidado do medio ambiente nas que visitarán lugares como as Illas Ons.

Nesta edición, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.