Luis López pon en valor o esforzo da Deputación para a defensa da lingua galega e a creación literaria no idioma

O presidente provincial destaca as políticas “estables e transversais” impulsadas pola institución para fomentar o uso e o prestixio da lingua galega

15/05/2026

Luis López pon en valor o esforzo da Deputación para a defensa da lingua galega e a creación literaria no idioma

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo este venres en valor o compromiso da institución provincial coa defensa e promoción da lingua galega, coincidindo coa celebración das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora viguesa Begoña Caamaño. Desta maneira, reivindicou a necesidade de impulsar “políticas estables, apoio institucional e recursos continuados” para fortalecer o uso social do galego e garantir o seu prestixio de maneira transversal en toda a acción da Deputación.

Luis López lembrou que a Deputación celebrou este xoves na sede de Vigo o acto central arredor das Letras Galegas, en colaboración coa Editorial Galaxia, e destacou tamén outras iniciativas para achegar a literatura galega e a figura de Caamaño á cidadanía, como o contacontos que se celebrará este domingo no Museo de Pontevedra e os que se desenvolverán en 35 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

O presidente provincial incidiu en que “a defensa do galego non pode limitarse a unha data concreta”, senón que debe sosterse durante todo o ano con accións concretas. Neste sentido, destacou o apoio económico da Deputación á edición de publicacións en galego e a proxectos de investigación vinculados á cultura e á historia da provincia, cunha liña de axudas dotada este ano con 100.000 euros, destinada a enriquecer o patrimonio bibliográfico provincial e a impulsar estudos relacionados cos concellos e as súas tradicións. Así, lembrou que entre 2023 e 2025 se promoveron máis de 70 publicacións impulsadas por asociacións sen ánimo de lucro.

A Deputación tamén mantén un apoio directo aos concellos e ás entidades culturais para incrementar o uso e o prestixio da lingua galega. Este ano, nove municipios benefícianse de 200.000 euros para o mantemento e creación dos seus Servizos de Normalización Lingüística, aos que se suman outros 150.000 euros para actividades de dinamización lingüística, unha liña da que o pasado ano se beneficiaron 41 concellos. Ademais, as entidades culturais da provincia dispoñen doutros 150.000 euros para desenvolver accións co mesmo obxectivo.

No ámbito da creación literaria, Luis López puxo en valor iniciativas como o Premio Castelao de Textos Teatrais, dotado con 12.000 euros e que celebra a súa segunda edición tras recoñecer na primeira a obra Khora, de José Luis Baños de Cos. A estas súmanse outros certames vinculados ao xornalismo en galego, como os premios asociados ao foro As Mulleres Que Opinan Son Perigosas, ou as categorías literarias dos Premios Provinciais á Xuventude.

O presidente provincial quixo destacar tamén o labor da Editorial da Deputación, creada en 1986 e cun catálogo que supera xa os 600 títulos. Durante o actual mandato incorporáronse oito novas publicacións, reforzando o papel desta ferramenta para a difusión da cultura galega e para a conservación e divulgación do patrimonio bibliográfico da provincia. Sen afán comercial, os seus títulos distribúense principalmente na rede de bibliotecas públicas e puntos de lectura.

Ademais, a defensa do galego está presente no conxunto da programación cultural da institución. O idioma é vehicular en programas como +Música, o circuíto +Escénicas e as liñas de apoio aos festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas, que deben cumprir requisitos mínimos de programación en galego para optar ao financiamento provincial. Tamén é protagonista en iniciativas como o concurso infantil Canta Rosalía!, impulsado desde 2025 para divulgar o legado de Rosalía de Castro a través da poesía musicada, ou na exposición Rosalía ilustrada, que acollen as principais sedes da institución.

“Desde a Deputación de Pontevedra seguiremos traballando para fortalecer o prestixio social do galego e apoiar a creación cultural no noso idioma, porque defender a lingua é tamén defender a nosa identidade, a nosa cultura e o noso futuro”, concluíu Luis López.

audios