O pleno provincial aproba inicialmente o orzamento do 2026: unhas contas de récord, 238,6 M€, para “seguir sendo unha Deputación de 61 concellos”
As terceiras contas impulsadas polo goberno de Luis López, que entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, reforzan áreas estratéxicas como Deporte, Turismo, Benestar Social, Acción Comunitaria e Infraestruturas
07/11/2025
A Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria, á aprobación inicial das contas do organismo provincial para o vindeiro ano 2026. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que se sitúa nos 238,6 millóns de euros, un 13,6% e 29 millóns máis que o do presente ano 2025. Un documento que afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López ao destinar a todos os concellos un terzo do orzamento, “porque non somos unha provincia de dúas cidades, nin de 59 concellos. Somos unha provincia de 61 concellos”, subliñou o voceiro Jorge Cubela, que foi o encargado de presentar unhas contas que reforzan tamén áreas estratéxicas para o executivo provincial como o deporte, o turismo, o benestar social ou as infraestruturas.
Coa aprobación inicial deste Orzamento, que se conseguiu grazas os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e o rexeitamento dos deputados dos grupos do PSOE e do BNG, o goberno provincial está en disposición de cumprir por terceiro ano consecutivo o seu compromiso de ter en vigor as novas contas o 1 de xaneiro “como consecuencia da estabilidade e rigorosidade que caracteriza ao goberno de Luis López”, enxalzou o deputado Cubela.
Municipalismo
Por terceiro ano consecutivo, un de cada tres euros do orzamento irá destinado a apoiar aos concellos. As partidas das áreas de Cooperación e Asistencia Intermunicipal acadan a cifra de 80M€, na que se inclúe unha nova convocatoria do +Provincia que no vindeiro ano 2026 incrementa os fondos a repartir entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes ata os 50M€ e abre a posibilidade aos gobernos locais a solicitar o adianto dos recursos que lle corresponden para a anualidade do 2027. Unha ferramenta que se suma ás convocatorias xa aprobadas do segundo Plan Extra (35M€) e o terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (8M€). “Somos o aliado máis próximo da administración máis próxima. Os pequenos e medianos municipios, que en Pontevedra son 59 de 61, serán os que se beneficien dunha inxección sen precedentes de 128 M€”, remarca o voceiro provincial.
As dúas grandes cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, tamén contan co apoio da Deputación. O vindeiro ano disporán novamente de 7,5M€ para financiar convenios de obras. No caso da cidade do Lérez, aos 2,5M€ reservados para os convenios, súmanse os 210.000 euros consignados para preparar a Bienal do 2027, os 8M€ de orzamento do Museo, a reserva de 7M€ dos remanentes para o proxecto de Santa Clara, 35.000€ para a redacción do proxecto do novo centro loxístico do Museo, 100.000€ para a final das series mundiais de Tríatlon ou 350.000€ para a organización dos Premios Feroz, así como novos investimentos en Príncipe Felipe e futuras novidades en materia deportiva. Na cidade olívica, súmanse aos 5M€ reservados para os convenios 1,2M€ para avanzar na recuperación do Cine Fraga, 5,3M€ para seguir financiando a obra de Gol de Balaídos e 100.000€ para a redacción do proxecto da Vía Verde entre Redondela e Pontevedra que permitirá unir ambas urbes. “Non existe ningún argumento numérico que comprometa a aposta da Deputación nas dúas grandes cidades da provincia”, afirmou Cubela.
A provincia do deporte
O deporte seguirá a ser un piar fundamental na acción de goberno da Deputación o vindeiro ano. Os fondos reservados para esta área ascenden nun 35 %, ata os 8,6 millóns de euros e inclúe salientables novidades como a redacción do primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte (ProDeporte) dotado con 1,8M€ para apoiar a renovación de equipamentos deportivos de asociacións, clubs e colectivos, a suba de 300.000€ ata un millón de euros do programa Depovan para axudar aos clubs a adquirir vehículos, a creación dunha oficina de atracción de grandes eventos deportivos á provincia: a Rías Baixas Sports Comission; o incremento do 31 % no orzamento de O Noso Club e o reforzo das liñas de apoio a clubs e deportistas da provincia.
Outra das áreas nas que a provincia é referencia como é o turismo tamén incorpora salientables novidades. En 2026 o orzamento aumentará nun 17%, ata chegar aos 7M€ con novas liñas para axudar aos concellos na promoción turística, máis iniciativas de formación para o sector empresarial e unha suba do 47 % no apoio aos Rías Baixas Fest, que medrarán en número.
O departamento de Benestar Social verá incrementada a súa partida nun 15 %, ata os 7,6M€, que inclúe a financiación dunha nova e “moi demandada” liña de compra de vehículos para entidades dotada con medio millón de euros e unha suba do 20 % nas axudas directas a estes colectivos. Do mesmo xeito, o orzamento para a Cidade Infantil de Príncipe Felipe sobe tamén nun 20 %.
Un 7 % suben os recursos destinados ao departamento de Cultura, ata os 5,77M€, que servirá para incrementar nun 20 % as axudas para as escolas de música e o Culturea, así como un 50 %, ata os 300.000€, para recentemente estreada liña de compra de vestiario e instrumentos musicais para as agrupacións musicais da provincia.
Máis recursos para as infraestruturas provinciais
A área de Infraestruturas, unha das principais competencias do organismo provincial, conta este ano cun orzamento de 38M€, o que supón unha suba do 56 %, uns 13,7M€, con respecto ao presente exercicio; que servirán para manter en perfecto estado a rede de 1.600 quilómetros de vías provinciais. Así mesmo, en materia de mobilidade, a Deputación seguirá a impulsar a Vía Verde, coa reserva de 100.000€ para redactar o proxecto de conexión entre Redondela e Pontevedra, así como a promover o transporte público sustentable no rural con proxectos como Conecta Rural.
O apoio aos colectivos seguirá sendo outra das bandeiras do goberno provincial, cunha suba do 20 % na dotación económica dos programas de acción comunitaria, como son as axudas á asociacións de veciños ou comunidades de auga. O servizo de xuventude e reto demográfico contará cun 13 % máis de fondos, e se executarán obras como a reforma do Centro Vacacional da Lanzada, orzamentada en 200.000 euros. Ademais, as partidas para a área de Igualdade aumentan nun 6,5 % e a de Medio Ambiente, nun 10 %. Mentres que o servizo de arquitectura contará con fondos para suficientes para executar reformas en diversas instalacións de titularidade provincial.
