A Deputación continúa esta fin de semana en Tomiño, Fornelos de Montes e Covelo coa programación de Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia
En Tomiño proxectarase Lilo & Stich o venres ás 21:00 horas na praza do Seixo, en Fornelos de Montes A galiña Turuleca tamén o venres no Multiúsos ás 20:00 horas, e en Covelo +Cuñados na praza do Mestre Cerviño o sábado ás 21:30 horas
16/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana en Tomiño, Fornelos de Montes e Covelo con Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para público familiar que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro en dez concellos da provincia. Desta maneira, en Tomiño proxectarase Lilo & Stich o venres ás 21:00 horas na praza do Seixo; en Fornelos de Montes A galiña Turuleca tamén o venres no Multiúsos ás 20:00 horas, e en Covelo +Cuñados o sábado ás 21:30 horas na praza do Mestre Cerviño.
O ciclo Cinema de Serán continuará o día 22 deste mes de setembro na Guarda coa proxección de Rondallas, o 25 en Poio con +Cuñados, o 26 en Cuntis e Salvaterra de Miño con Rondallas, e rematará no mes de outubro en Moraña, onde se proxectará Como entrenar a tu dragón o 3 de outubro, e en Mos, con Kung Fu Panda 4 o 4 de outubro.
Os concellos que forman parte desta primeira edición de Cinema de Serán puideron escoller de entre un pequeno catálogo que incluía filmes de produción galega ou rodadas na comunidade, así como títulos de animación estreados nos últimos anos. Con esta actividade, o obxectivo da Deputación é que o público desfrute dunha xornada de cinema en familia e coas amizades nunha pantalla de gran formato nas prazas do seu pobo ou espazos a cuberto se o tempo non acompaña, e con flocos de millo de balde para todos as persoas asistentes.