A Deputación inicia esta semana tres novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 70 veciños de Cerdedo Cotobade, Oia e Sanxenxo comezarán esta semana actividades relacionadas co deporte e a saúde
06/11/2026
A Deputación de Pontevedra inicia esta semana unha nova xeira de obradoiros de Provincia Activa, a iniciativa coa que se impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Entre o martes 10 e o venres 13 de novembro comezarán tres novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 70 veciños de Cerdedo Cotobade, Oia e Sanxenxo.
O martes 10 de novembro darán comezo obradoiros en Cerdedo Cotobade e Oia. No caso do primeiro concello, un grupo de 25 persoas da Asociación de prejubilados, jubilados y pensionistas San Pedro comezará un curso de pilates. Tamén comezará un curso de pilates outro grupo de preto de vinte persoas da Asociación vecinal Dulce Nombre de María, en Oia. Finalmente, o venres 13 serán 25 persoas do Club de jubilados y pensionistas de Portonovo (Sanxenxo) os que iniciarán un obradoiro de ioga.
A Deputación ofertou este ano un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: Benestar natural, Saúde en movemento, Emociónate, Outra vida, Con ritmo!, Redeir@s e Cerebro activo. Provincia Activa conta cun orzamento de 210.000 euros e chegará a un total de 160 entidades de 44 concellos da provincia.