A Deputación inicia esta semana oito novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 160 veciños de sete concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coa memoria, a cociña, a artesanía ou, entre outras, os bailes de salón
25/10/2026
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 26 de outubro e o sábado 31, comezarán oito novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 158 veciños de sete concellos da provincia: Cambados, Mondariz, Moraña, Redondela, Salceda de Caselas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Desta maneira, este luns 26 de outubro 21 usuarios da Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos (Vigo) comezarán un curso de conservando a memoria, mentres que 25 da Asociación de Veciños O Piorno (Vilagarcía de Arousa) un de cociña saudable e nutritiva. O martes 27 será a quenda de 15 persoas da Asociación Amigos de los Pazos (Vigo) que darán inicio á formación en historias e memoria oral. Pola súa banda, o mércores 28 comezará outro curso de conservando a memoria, neste caso para 15 usuarios da Asociación Cultural e Social Soutelo (Salceda de Caselas).
O xoves 29 será a quenda de 22 persoas da Asociación Cultural Chorima (Moraña) que iniciarán un curso de ximnasia de mantemento e de 18 usuarios da Asociación de Veciños Xabriña (Mondariz) cun de artesanía e reutilización creativa. Por último, esta semana tamén darán comezo dous obradoiros de bailes de salón: o venres 30 para 18 persoas da Asociación de Veciños Barrio de Saramagoso (Redondela) e o sábado 31 para 24 membros da Asociación O Batuqueiro de Vilariño (Cambados).
A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.