A Deputación inicia esta semana 18 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 340 veciños de nove concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coa memoria, a ximnasia de mantemento, a musicoterapia, a informática, a restauración de mobles, o canto popular, a risoterapia, a meditación e as plantas medicinais
27/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 28 de setembro e o sábado 3 de outubro, comezarán 18 novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 336 veciños de nove concellos da provincia: Arbo, Cerdedo Cotobade, Gondomar, Marín, Mos, Nigrán, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo.
Desta maneira, este luns 28 de setembro 21 persoas da Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos (Vigo) comezarán o curso de Conservando a memoria, 15 do Centro Social Cultural Recreativo e da Terceira Idade de San Vicente de Trasmaño (Redondela) o de ximnasia de mantemento para persoas maiores e 16 da Asociación de Jubilados y pensionistas de Salceda de Caselas o de informática básica.
O martes 29 de setembro un grupo de 15 persoas da Asociación de veciños San Antonio de Arbo inician un obradoiro de informática básica, 25 da Asociación de veciños O Campo (Marín) o de restauración de mobles e tapicería, 15 da Asociación de maiores de Mos o de pandeireta e canto popular, 23 da Asociación de Veciños As Boliñas de Almofrei (Cerdedo Cotobade) o de ximnasia de mantemento e o mesmo obradoiro outro grupo de 18 persoas da Asociación cultural San Roque de Morgadáns (Gondomar).
Por outra banda, o mércores 30 de setembro un grupo de 19 persoas da Asociación As Fontes de Lavadores (Vigo) comezan unha acción formativa de informática básica e 25 da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) o de risoterapia. No caso do xoves, 1 de outubro, inician obradoiros un grupo de 21 persoas da Asociación DOA de Saúde Mental de Vigo (musicoterapia), 15 da Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira de Redondela (informática), 25 da Asociación de Veciños San Xulián de Marín de Arriba (ximnasia) e outras 15 da Asociación Centro Social, Cultural e Recreativo de Cedeira en Redondela (informática).
O venres 2 de outubro 20 persoas da Asociación de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi (Cerdedo Cotobade) comezan un obradoiro de pandeireta e canto popular; outro grupo de 15 persoas da Asociación veciñal de consumidores e usuarios Emilio Crespo de Navia (Vigo) un de meditación; e outros 15 integrantes do Centro Recreativo e Cultural O Torreiro (Nigrán) un de informática. Finalmente o sábado 3 de outubro serán 19 persoas da Asociación veciñal e cultural Os tres Quinteiros de Trabazo (Cerdedo Cotobade) as que comecen unha acción formativa de plantas medicinais.
A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.