A Deputación supervisa as obras de transformación das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde C. Manuel de Graña, na Illa de Arousa

O deputado provincial Javier Tourís asistiu ao arranque das obras dunha actuación que conta cun orzamento total de 499.000 € financiados pola Deputación e continúa coa transformación realizada pola Illa de Arousa no Paseo Naval, que tamén contou con outros 400.000 euros do organismo provincial

18/03/2026

A Deputación supervisa as obras de transformación das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde C. Manuel de Graña, na Illa de Arousa

O deputado provincial Javier Tourís acaba de asistir ao acto de replanteo das obras de transformación e posta en valor das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde C. Manuel de Graña, co que se dá inicio oficial aos traballos. Unha actuación que conta cun investimento total de 499.000 euros e que serán financiados ao 100% pola Deputación, que aporta 424.505 euros a través do I Plan Extra e 74.913 € do +Provincia 2025.

Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que van permitir continuar coa transformación realizada no Paseo Naval, tamén financiada con recursos da Deputación de Pontevedra, concretamente con 400.000 euros do Plan PON2030, comezando polo sur onde se fixo a praza pública detrás da Escola de Pau, enlazándose coa rúa Marqués de Bradomín á que dan fronte as casas modernistas e o xardín, continuando pola Rúa Manuel C. de Graña, onde enlaza co espazo entre os edificios do Naval.

Ao detalle proxéctanse actuacións previas como retirada de varandas, luminarias e mobiliario urbano, e outras de preparación do terreo. Obras de pavimentación e renovación da tubaxe das acometidas na Rúa Alcalde C. Manuel de Graña e da rede de rego na Praza . Tamén se instalarán novas luminarias na Praza e soterrará a liña aérea de baixa tensión na Rúa Alcalde C. Manuel de Graña. Ademais, instalarase unha nova rede por goteo na zona verde e nova sinalización vertical e horizontal acorde coa actuación de humanización, e dotarase de novo mobiliario urbano o espazo público.

O deputado provincial sinalou que investimentos como o Plan Extra e o +Provincia “responden ao municipalismo do noso goberno e están a permitir que os concellos poidan levar a cabo grandes actuacións que repercuten en mellores servizos e espazos para a veciñanza”. Javier Tourís lembrou que “o noso obxectivo principal é que a provincia vaia a máis, avanzando como nunca antes o fixera” e con estes recursos “estamos a conseguir que os concellos poidan asumir iniciativas que transforman as súas vilas”.

Galerias de imaxes