A Deputación leva o Ciclo Mestre Mateo esta semana ata A Estrada e O Campo Lameiro

Os Minicines Central da Estrada acollerán o martes 17 de novembro as proxeccións de “Sirat” (17:00 horas), “Deuses de pedra” (17:00), “360 curvas” (19:30) e “Antes de Nós” (19:00) e o mércores 18 de “San Simón” (17:00), “Ao son da nova regueifa” (17:00), “As liñas descontinuas (19:00) e “O silencio herdado” (19:00)

16/11/2026

A Estrada e O Campo Lameiro acollen esta semana citas co mellor do audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Os Minicines Central da Estrada proxectan o martes 17 de novembro “Sirat” (17:00 horas), “Deuses de pedra” (17:00), “360 curvas” (19:30) e “Antes de Nós” (19:00) e o mércores 18 “San Simón” (17:00), “Ao son da nova regueifa” (17:00), “As liñas descontinuas” (19:00) e “O silencio herdado” (19:00). Pola súa banda, no Centro Sociocultural Sobrino Buhigas do Campo Lameiro proxectarase ás 18:00 horas do xoves 19 de novembro “Deuses de pedra”, do sábado 21 “360 curvas” e do domingo 22 “Sirat”.

“Sirat” recolle a chegada dun home e o seu fillo a unha rave perdida en Marrocos para buscar a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas en amencer. Pola súa banda “Deuses de pedra” presenta a historia de Mariana, unha nena de catro anos que descobre o mundo a través dos ensinos da súa mestra nunha das últimas escolas rurais na fronteira entre Galicia e Portugal. E “360 curvas” representa as 360 curvas que separan A Fonsagrada de Lugo, un camiño longo, difícil e descendente entre montañas que serve como metáfora do declive dun lugar que, a comezos dos anos 90, decidiu loitar pola súa supervivencia.

“Antes de Nós” narra a historia dunha parella, Castelao e Virxinia, e o baile continuo de separación e reencontro, que nun percorrido por Bretaña poucos meses despois da perda so seu único fillo únense para sempre. Pola súa banda, “San Simón” trátase dunha longametraxe centrada no campo de concentración de San Simón, un antigo lazareto que destaca pola súa insularidade, converténdose nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. E “Ao son da nova regueifa” propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral en Galicia.

“As liñas descontinuas” narra o suceso inesperado que leva a Bea, unha muller de 50 anos en proceso de divorcio, e a Denís, un rapaz trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral, a coñecerse: un encontro que transformará para sempre a súa realidade. Finalmente, en “O silencio herdado” a directora Lucía Dapena busca respostas da súa avoa Edilia, supervivente do franquismo de 92 anos, a raíz dun segredo familiar que sae á luz sobre os traumas da Guerra Civil. Ao entender que Edilia nunca lle vai dar as respostas que busca, decide mirar ese silencio, escoitalo con paciencia e determinación, tratando de comprendelo. Xuntas exploran os límites da palabra e da imaxe, facendo desde silencio o seu lugar de encontro.

A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano tamén en Mondariz e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.