A Deputación ofrece ao Concello da Illa de Arousa un estudo de viabilidade para poñer en marcha medidas de eficiencia e aforro enerxético a través de +Renovables
O deputado provincial Javier Tourís visitou o concello arousán onde garantiu a adxudicación das instalacións de xeotermia no Centro Sociocultural da Illa no primeiro trimestre do ano
14/01/2025
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou este martes na Illa de Arousa a oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para implicar os pequenos concellos nos retos da sostibilidade. O deputado provincial reuniuse co alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, a quen ofreceu un estudo de viabilidade para poñer en marcha medidas de eficiencia e aforro enerxético a través de +Renovables, e con Ana Millán, responsable de Arousa en Transición. Na xuntanza tamén garantiu a adxudicación das instalacións de xeotermia no Centro Sociocultural da vila no primeiro trimestre do ano.
A oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria está a percorrer os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo. Trátase dun vehículo 100% eléctrico onde o persoal técnico do programa informará in situ sobre cuestións de índole legal (redacción e estatutos e normas, cesión de cubertas, revisión de contratos de execución de obras…), técnica (deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica) e económica (créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento…).
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. Actualmente a Deputación tamén está a realizar xornadas de capacitación en todas as comarcas da provincia para afondar en todas as cuestións relacionadas con proxectos de eficiencia enerxética.
Instalacións de xeotermia
Por outra banda, na xuntanza o deputado provincial comprometeu a adxudicación das instalacións de xeotermia no Centro Sociocultural da Illa de Arousa no primeiro trimestre do ano. Estas instalacións contémplanse no marco das axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (programa DUS 5000) do programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía IDAE.
A institución recibiu preto de 350.000 euros dos fondos NextGeneration EU para poñer en marcha actuacións tanto na Illa como na Cañiza no marco deste proxecto que arrancou en novembro de 2021 e cuxa contratación desbloqueouse no mandato de Luis López, ao poñer en marcha tanto o procedemento para a redacción dos proxectos (presentados en maio do pasado ano) como para a instalación dos sistemas de xeotermia.



