O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura a exposición ‘Bifrontes’ no Museo de Pontevedra

A mostra, comisariada por Covadonga Barreiro, reúne obra de 16 artistas vinculados á Facultade de Belas Artes. Poderá visitarse no Edificio Sarmiento ata o 14 de febreiro

18/11/2026

O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura a exposición ‘Bifrontes’ no Museo de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra ‘Bifrontes’, unha exposición organizada en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Comisariada pola directora do departamento de Escultura da Universidade de Vigo, Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, a mostra reúne a obra de 16 artistas vinculados a esta facultade arredor da dualidade e da idea de tránsito. Está instalada na segunda planta do Edificio Sarmiento e poderá visitarse ata o 14 de febreiro.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, presidiron o acto de inauguración xunto á comisaria. Domínguez explicou que unha exposición dedicada a unha figura de dúas caras era a mellor ocasión para describir o traballo poliédrico do Museo, que combina a investigación sobre o patrimonio e a memoria coa atención ás linguaxes máis actuais da creación, e subliñou a aposta polas creadoras e os creadores do territorio. “O Museo ten que ser o lugar onde ese talento se amosa na súa propia cidade, e onde o alumnado e o profesorado atopen unha casa”, afirmou. O vicepresidente lembrou tamén que a colaboración coa Universidade de Vigo vai máis alá desta exposición anual, xa que a Facultade foi unha das sedes da Bienal de Pontevedra en 2025 e volverá selo en 2027.

Pola súa parte, Ángeles Tilve salientou que ‘Bifrontes’ continúa unha liña de colaboración coa Facultade que nos últimos anos deu froitos como ‘Campo de sementes 2’ (2023), ‘Pregar a pintura’ (2024) ou ‘Pinturas negras’ (2025), e destacou que a exposición parte de dúas pezas da colección do Museo: unha herma dobre romana, depósito do Museo do Prado, e un busto galaico-romano de Xano atopado en Dornelas (Mos), que forma parte da exposición permanente. “Para nós é moi significativo que dúas pezas antigas da nosa colección sexan o punto de partida para construír unha reflexión sobre o presente. Iso é exactamente o que desexamos que suceda co noso Museo: que as súas coleccións sirvan para a investigación e para a creación contemporánea, que non sexan un arquivo pechado senón unha fonte viva”, sinalou a directora.

A figura de Xano, divindade romana de dous rostros que protexía os comezos e os finais e se situaba nos limiares, nos espazos de tránsito, é o eixo do discurso expositivo. A comisaria relaciona esta idea coa situación actual da Facultade de Belas Artes, inmersa nun proceso de renovación do seu corpo docente, que esixe unha mirada cara ao pasado do centro, creado en 1990, e outra cara ao seu futuro.

Con esa premisa, escolléronse pezas de 16 artistas vinculados no presente ou no pasado á Facultade de Belas Artes de Pontevedra: docentes como Ignacio Barcia, Itziar Ezquieta, Diego Germade, Yolanda Herranz, Chelo Matesanz, Begoña Paz e José Andrés Santiago; exprofesorado como Juan Luis Moraza, Mónica Ortuzar e Javier Tudela; persoal investigador e doutorando, como Luca Carrero e Cristina Chiarroni; e antigo alumnado como Nuria Figueiredo, Christian García Bello, Borxa Guerrero e Lucía Leirós.

O Museo de Pontevedra ten previsto organizar visitas guiadas á exposición, cuxos horarios se darán a coñecer proximamente.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.