A Deputación inicia esta semana nove novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Preto de 170 veciños de oito concellos comezarán esta semana actividades relacionadas co deporte, saúde e ocio

15/11/2026

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 16 e o sábado 21 de novembro, comezarán nove novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 167 veciños de oito concellos da provincia: Cerdedo Cotobade, A Guarda, Lalín, Mos, Pontevedra, Redondela, Salvaterra de Miño e Vilagarcía de Arousa.

Este luns 16 de novembro comezarán dous cursos de cociña saudable e nutritiva, nos que participarán 25 persoas da Asociación de Veciños do Lugar de Cutián (Cerdedo Cotobade) e 21 da Asociación Cultural Deportiva Cidadelle (Redondela). Este curso tamén dará comezo o mércores 18 para 15 veciños da Asociación Veciñal Sociocultural San Adrián de Madriñán (Lalín), o venres 20 para 17 persoas da Asociación de Veciños Agustín Romero (Vilagarcía de Arousa) e o sábado 21 para 20 usuarios da Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza (Pontevedra).

Ademais, o luns 16 iniciarase un obradoiro de bailes de salón, con 16 usuarios da Asociación Veciñal e Cultural San Xoán de Fornelos e Lourido (Salvaterra de Miño) e outro de ioga con 16 persoas da Asociación Cultural e Deportiva A Guía (A Guarda). O martes 17 serán 22 usuarios da Asociación de Veciños Nosa Terra da Parroquia (Mos) os que comecen un curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores, mentres que o xoves 19 será a quenda de 15 persoas da Asociación Coral Rosalía de Castro (Vilagarcía de Arousa), que empezarán un obradoiro de pilates.

A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.