A Deputación esgota en menos de media hora as 25 prazas para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas polo Esteiro do Miño, na Guarda

A actividade, organizada xunto con SEO/BirdLife, realizarase o 11 de outubro un lugar onde destacan os espazos palustres e aves como as limícolas, as ardeidas, os patos, as aves mariñas e as aguias pescadoras

28/09/2026

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos de media hora as 25 prazas para participar na ruta ornitolóxica polo Esteiro do Miño, na Guarda, enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas. A actividade, que terá lugar o 11 de outubro en colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, será a quinta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

A desembocadura do río Miño forma un esteiro con gran variedade de hábitats nos que destacan os espazos palustres, que acollen aves propias deste ecosistema. Tamén espazos onde o mar se xunta co río achegando nutrientes que aproveitan as limícolas, as ardeidas, os patos e as aves mariñas, así como aguias pescadoras que fan a ledicia das e dos observadores de aves.

Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará este ano coa ruta pola desembocadura do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra) o 15 de novembro, e polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), que pecha os percorridos desta edición o 13 de decembro.