A Deputación adianta que destinará 140.000 euros á financiación íntegra da pavimentación de vías municipais de Vilaboa en Ramalleira, Barciela e Figueirido
A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe estes núcleos nos que o organismo investirá 140.000 € da liña 1 do Plan +Provincia que se aprobarán este mesmo venres
08/05/2025
A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe o Concello de Vilaboa onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de pavimentación de vías municipais en Ramalleira, Barciela e Figueirido, ás que destinará un orzamento de 140.000 € da liña 1 do Plan +Provincia. Ramallo recordou que este ano Vilaboa recibirá preto de 580.000 euros ao abeiro “deste plan de obras e servizos transformador que se ten convertido no máis ambicioso da historia do organismo provincial”.
Ramallo explicou que este mesmo venres se aprobarán estes recursos que permitirán que Vilaboa poida realizar as actuacións necesarias para mellorar tres camiños mediante o reforzo do firme existente e da seguridade viaria de peóns e vehículos. En concreto actuarase nas parroquias de Santo André de Figueirido (Figueirido), Santa Comba de Bértola (Ramalleira) e na de Santa Cristina de Cobres (Barciela), que na actualidade conta cun deterioro acusado do asfalto. Cos recursos provinciais ampliarase a sección da calzada, renovarase a capa de pavimento e executarase nova sinalización horizontal e vertical, así como dotarase ás vías de redutores de velocidade tipo lombo.
A deputada provincial lembrou que “somos un goberno que escoita as demandas e atende as necesidades dos concellos e con Plans como o +Provincia estamos a destinar recursos que nos están a permitir construír pobos e vilas máis avanzados, máis humanos e con máis e mellores servizos”. Ao respecto, Ramallo recordou que “cos recursos provinciais, concellos como Vilaboa están a afrontar investimentos e actuacións como esta de pavimentación das vías municipais en Ramalleira, Barciela e Figueirido que modernizan os núcleos de poboación e melloran a calidade de vida das súas veciñas e veciños”.