Luisa Sánchez salienta o impacto de Move It Vigo na mocidade e o seu retorno económico grazas á chegada de visitantes do resto de España e de Portugal
Máis de 1.800 participantes de toda España daranse cita o 11 de abril no Ifevi na quinta edición do evento, consolidándose como “referente” da danza urbana en Galicia
30/03/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou o impacto do evento de danza urbana Move It Vigo na mocidade e o seu retorno económico grazas á chegada de visitantes do resto de España e de Portugal.
Durante a presentación da quinta edición do certame, que tivo lugar na sede viguesa da Deputación de Pontevedra, a representante provincial remarcou que Move It Vigo xa se consolidou como “referente” da danza urbana en Galicia. No acto participaron tamén a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; e a directora e organizadora do evento, Raquel Rodríguez.
A competición celebrarase o vindeiro 11 de abril no Ifevi, onde se reunirán máis de 1.800 participantes procedentes de toda España e das catro provincias galegas, convertendo a cidade nun punto de encontro da danza urbana e proxectando unha imaxe “moderna, activa e creativa” da provincia. Ademais, as entradas para presenciar o espectáculo están preto de esgotarse.
Esta quinta edición chega, ademais, con novidades como a incorporación da Categoría Profesional e da Categoría Megacrew Kids, que “reforzan a posición do evento e a súa aposta pola canteira, garantindo que Move It ten presente pero tamén moito futuro”. Neste sentido, Luisa Sánchez destacou o compromiso institucional co “ocio e o espectáculo” pero tamén “coa xuventude e co talento”.
Ademais, a vicepresidenta provincial destacou a calidade artística da competición, na que hai participantes de todas as idades. “Ver a nenos e nenas, xunto a mozos e profesionais, subirse a un escenario e despregar ese nivel de técnica, coordinación e expresividade… É imposible non quedar coa boca aberta”, valorou.
Igualmente, Luisa Sánchez subliñou o espírito do evento, definíndoo como “unha forma de entender a vida con enerxía e creatividade”, e incidiu nos valores que defende Move It Vigo. “Transmite bo ambiente, convivencia e compañeirismo entre escolas, con familias enteiras gozando da danza urbana”, indicou.
“Move It Vigo representa moi ben o que queremos para Vigo e para a provincia de Pontevedra: talento, cultura viva e espazos onde a xente poida expresarse”, concluíu Sánchez, convidando a toda a cidadanía a asistir ao evento: “Porque quen vén unha vez… repite”.
