A Deputación destina preto de 35.000 euros ao Concello de Pontecesures para a pavimentación dun camiño en Carreiras
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 740.000 euros ao sumar os preto de 438.000 euros do 2026 e o adianto de máis de 306.000 da liña de investimentos do 2027
26/07/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 35.000 euros ao Concello de Pontecesures para financiar integramente a pavimentación dun camiño en Carreiras. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 740.000 euros ao sumar os preto de 438.000 do 2026 e o adianto de máis de 306.000 euros da liña de investimentos do 2027.
Con estes recursos, procederase a demoler os muros de pedra de contención das parcelas que cederon parte dos seus terreos para o ensanche do camiño, e que serán, posteriormente, repostos na aliñación establecida. Estes muros serán de similares características aos que existen na actualidade, para manter a estética da vía. Ademais, reporase a escaleira de acceso a unha parcela afectada e disporase dun novo peche das parcelas afectadas.
Finalmente, a actuación completarase coa pavimentación do sendeiro de subida que divide as dúas parcelas afectadas e tamén co fresado e repavimentación da totalidade do camiño, con mestura bituminosa. Se fose preciso, tamén se acometerá o recrecido das tapas de rexistro para nivelalas coa rasante da rúa e a reparación de servizos ou instalacións afectadas polas obras.