Luis López salienta o espírito emprendedor e innovador da mocidade da provincia no acto de entrega de diplomas aos estudantes do programa DepoEmprende

O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, enxalza as 24 cooperativas nas que participan preto de 200 estudantes de 9 centros educativos se recibiron os seus NIFs no Pazo Provincial

10/03/2026

Luis López salienta o espírito emprendedor e innovador da mocidade da provincia no acto de entrega de diplomas aos estudantes do programa DepoEmprende

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, fixo entrega este martes no Pazo provincial dos NIFs aos 24 proxectos emprendedores nos que están a traballar máis de 200 rapazas e rapaces de 9 centros educativos de Educación Secundaria e Educación Especial de Pontevedra, o Porriño, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Redondela no marco do programa provincial DepoEmprende. “Con estas cooperativas demostrades o voso interese por aprender e por aportar o voso gran de area á provincia, demostrades o talento, a creatividade e a innovación que achegan as novas xeracións á sociedade; e demostrades que esta provincia ten un futuro prometedor”, remarcou Luis López durante o acto.

Estas 24 cooperativas foron impulsadas por alumnado dos colexios de Educación Especial de Pontevedra, Vilagarcía e Aceesca do Porriño, dos CPR María Inmaculada, Mariano e Andersen Augalonga de Vigo e dos IES San Simón de Redondela e Valle-Inclán e Luís Seoane de Pontevedra. Todos eles participantes na convocatoria deste curso do programa DepoEmprende, que busca promover iniciativas emprendedoras entre os estudantes de Primaria, Secundaria e FP, no que este ano participan un vintena de centros. “Unha suma de máis de 100 iniciativas que falan dunha xuventude comprometida co seu territorio e concienciada cos desafíos do futuro”, sinalou o dirixente para felicitar ao profesorado implicado no programa e dar os parabéns ao alumnado polas súas iniciativas.

DepoEmprende é un proxecto provincial para fomentar iniciativas empresariais entre o alumnado co obxectivo de familiarizarse con contextos comerciais similares aos reais e deste xeito adquirir unha serie de aptitudes e capacidades que serán de grande utilidade de cara ao mercado laboral. Un apoio á mocidade que se complementa con outras propostas postas en marcha pola Deputación para o sector máis novo da sociedade como os campamentos de verán da Lanzada, ofertas de ocio como Explora Manzaneda, os premios provinciais á xuventude para facer que os proxectos ideados por mozos e mozas pasen do papel á realidade, ás becas para facer prácticas laborais en países da Unión Europea, eventos culturais como Pontevedra Literaria ou axudas para que os colectivos veciñais conten con locais ben equipados. “Vós poñedes as ideas e as iniciativas; e nós, as ferramentas para que desenvolvades todo o voso potencial na vosa provincia”, concluíu o presidente Luis López.

As cooperativas que recolleron o seu NIF nesta xornada foron: “The Specials” (CEE Pontevedra), “Gráfica 7” (CEE Vilagarcía de Arousa), “O Mistral” (Aceesca do Porriño), “Son do Tempor” (CPR María Inmaculada de Vigo), “Galletas del Barrio”, “Mercado Negro”, “MilfsClub” e “Sweet Avenue” (CPR Mariano de Vigo), “Fontaíña” (Anderson Augalonga de Vigo); “Coopilla” e “Choocoop” (IES San Simón de Redondela); “Punto y Brillo”, “Etereals”, “O fogar aromático”, “Mar de algodón” e “Parta la tarta” (IES VAlle-Inclán de Pontevedra); “Loof”, “Pulse Street”, “Sweet Diamond”, “Frozen Explosion”, “Biobocados”, “Clan” e “40urcompany” (IES Luis Seoane de Pontevedra). Para a vindeira xornada está prevista a entrega de máis NIFs ás cooperativas dos centros participantes na modalidade de DepoEmprende na Escola e na ESO.

Galerias de imagenes