A Deputación destina 25,1 millóns de euros a Príncipe Felipe e Benestar Social, que incrementa un 19% o seu orzamento no 2027
A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, destacou que se tratan duns orzamentos para impulsar a atención social, fortalecer os servizos sociais comunitarios e apoiar ás entidades de iniciativa social da provincia
03/11/2026
A Deputación de Pontevedra destina 25,1 millóns de euros a Príncipe Felipe e Benestar Social, que incrementa un 19% o seu orzamento no 2027. Tanto a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, como o deputado delegado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, destacaron a importancia de traballar na mellora da calidade de vida das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra, con investimentos que nos últimos anos sumaron 88,1 millóns de euros: 29,5 millóns de euros para Benestar Social e 59,6 para Príncipe Felipe.
Paula Bouzós subliñou que os recursos servirán para impulsar a atención social, fortalecer os servizos sociais comunitarios e apoiar ás entidades de iniciativa social da provincia. Deste xeito, increméntase en ata un 62% o orzamento dirixido aos programas +Convivencia e +Convivencia Inclusiva, para chegar aos 485.000 euros e dar continuidade e ampliar o apoio ás iniciativas de desenvolvemento social comunitario. Tamén medran en máis dun 53% os recursos para teleasistencia domiciliaria, que ascenden a 135.000 euros para reforzar o servizo de atención ás persoas maiores e en situación de vulnerabilidade.
A partida dirixida a financiar vehículos para entidades de iniciativa social crece un 36% ata chegar aos 680.000 euros e faino un 20% a liña de axudas a entidades de iniciativa social, que no 2027 ascende aos 720.000 euros. Ademais, aprobarase unha nova convocatoria para financiar obras en entidades de iniciativa social, dotada con 600.000 euros, e continuarase co programa Provincia +Inclusiva, de mellora da accesibilidade, cun orzamento de 210.000 euros. Medra o investimento dirixido a servizos sociais comunitarias en 25.000 €, ata chegar aos preto de 3,5 millóns de euros e tamén se incrementan as axudas de emerxencia para investimentos municipais, que no 2027 superarán os 215.000 euros.
Manteranse os programas de Lecer en Familia (220.000 euros), +Benestar (270.000 euros) e increméntase Provincia Activa, ata os 311.200 euros. Igualmente destinaranse recursos por valor de 635.000 euros para entidades de iniciativa social, axudas para emerxencias e acción comunitaria e dotarase de 15.000 euros a convocatoria dos Premios Sociais.
Pola súa banda, en Príncipe Felipe, o deputado provincial Pablo Castillo recordou que para o 2027 os recursos ascenden a máis de 16 millóns de euros o que permitirá avanzar na remodelación das instalacións do recinto para converter o espazo nun lugar máis habitable, accesible e seguro. Neste eido, Castillo destacou as melloras por valor de 650.000 euros para a implantación dun sistema de climatización na residencia do Centro Príncipe Felipe, para a renovación do sistema de cloración e abastecemento de auga, para a mellora da accesibilidade do Auditorio José Manuel Pérez “Portu”, a adecuación dos percorridos de evacuación do Centro Infanto Xuvenil Escola Fogar e para a renovación e reposición de mobiliario. Ademais, o deputado destacou o incremento de máis dun 44% na partida dirixida a actividades deportivas e xuvenís en Príncipe Felipe.