A Deputación de Pontevedra incrementa nun 40% os recursos destinados a Xuventude e Reto Demográfico, que ascenden no 2027 a preto de 2 millóns de euros
O servizo de Xuventude e Reto Demográfico, liderado polo deputado provincial Jorge Cubela, ten por obxectivo impulsar políticas dirixidas á mocidade e loitar contra o despoboamento
09/11/2026
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 40% os recursos destinados a Xuventude e Reto Demográfico, que ascenden no 2027 a preto de 2 millóns de euros. O servizo de Xuventude e Reto Demográfico, liderado polo deputado provincial Jorge Cubela, ten por obxectivos impulsar políticas dirixidas á mocidade e loitar contra o despoboamento.
O deputado destacou que os recursos previstos para o próximo ano permitirán seguir avanzando en actuacións que garantan o benestar da xuventude e impulsar iniciativas para facer fronte ao reto demográfico. Neste eido, recordou que cos recursos previstos para o 2027 serán máis de 6 millóns de euros os recursos dirixidos ao servizo nos últimos anos.
En liñas xerais, no 2027 increméntanse todas as liñas de axudas que impulsa Xuventude e Reto Demográfico. Deste xeito, increméntase un 50% a liña de axudas de Vive O Rural, que suma 40.000 euros ata chegar aos 120.000 euros; tamén En Plan Ben, que meda máis dun 67% para ampliar a oferta de aulas saudables a centros educativos de concellos de menos de 50.000 habitantes, ata chegar aos 85.000 euros. Ademais o Plan +Xuventude, dirixido a asociacións xuvenís e grupos informais ascende aos 145.000 €, o que supón un 20% máis de recursos que no 2026; os obradoiros dirixidos á mocidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes, Xuventude a máis, reciben un 48% máis de recursos ata superar os 141.000 euros no 2027; e o programa Pontevedra Literaria tamén se reforza cun 25% máis de recursos.
Por outra banda, o orzamento prevé o avance das liñas establecidas no I Plan Estratéxico de Xuventude, coa creación dun espazo networking e unha aceleradora de proxectos promovidos pola mocidade, e a elaboración do I Plan Estratéxico de Reto Demográfico. Tamén se lanzará un programa piloto de lecer xuvenil e no ámbito de reto demográfico e reforzaran os servizos dos Campamentos da Lanzada e os Premios provinciais á Xuventude.
Ademais, investiranse 300.000 euros na redacción dun estudo para recuperar a aldea abandonada de Remesar, localizada na parroquia de Carboentes, no Concello de Rodeiro, como medida piloto fronte o reto demográfico e o da vivenda. O estudo definirá a recuperación do asentamento e rehabilitación das casas da aldea deshabitada desde hai máis de 25 anos e aspira a converterse en espello para outros concellos da provincia e administracións na recuperación de núcleos no rural.