A Deputación lanza “Con-fiando”, a ambiciosa programación que espallará pola provincia “para contaxiar cultura e vida”

Suporá unha inversión de case 2,8 millóns de euros para impulsar en todo o territorio música, patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia para facer comunidade

20/05/2022

Confiando Cultura

Fortaleza, vontade, oportunidade, ilusión e confianza. Baixo estas premisas, e coa Axenda 2030 como folla de ruta, a Deputación de Pontevedra presentou hoxe a súa potente programación cultural que, cun investimento de case 2,8 millóns de euros, levará por toda a provincia música, patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia. “Con-Fiando Cultura” dá nome ao programa que suporá máis de 150 actividades en todo o territorio, apoiando así aos concellos, ao sector e ao tecido asociativo para facer comunidade e impulsar a cultura e o seu enorme poder transformador.

Carmela Silva, que compareceu coa deputada Victoria Alonso e a directora de Cultura Paula Cabaleiro, subliñou que co lema, Con-Fiando Cultura ” dicimos que é o momento de volver confiar no noso enorme poder cultural. Somos un país extraordinario que pode presumir dunha cultura milenaria e queremos dar ese impulso para volver confiar con todos os valores”. A presidenta subliñou que as liñas da programación están dirixidas a “apoiar a este sector que sufriu tanto a pandemia, á acadar a democratización da cultura e que chegue a todos os concellos da provincia e a garantir o dereito de todas as persoas a acceder á cultura”.

A presidenta provincial subliñou que “tamén queremos que volva a cultura ao vivo, despois de tanta cultura dixital. Pero a cultura é vida, é relación, é compartir, polo tanto estes son os impulsos que lle queremos dar”, sinalou. Todo iso sendo “cómplices da creatividade artística, cunha vontade de coidar e contaxiar á cultura”. Apostar por ela, dixo, “é unha oportunidade para os territorios, o faremos con unha enorme ilusión e queremos acompañar á sociedade pontevedresa na reconstrución desa relación, agora segura, e queremos que a cultura estea no centro de todo”. Os citados recursos, que non inclúen o investimento destinado ao Museo de Pontevedra e ás actividades culturais que se promoven dende os distintos servizos da institución, outros 3,2 millóns, converten á Deputación “nunha referencia cultural en Galicia porque nunca houbo nesta institución tantos recursos para esta área.

Programación

A programación, está dividida en relación ás diferentes disciplinas culturais, e as principais novidades están no eido da Música e as Artes Escénicas (185.000€), onde se desenvolverán dous novos programas, o primeiro a “Ópera Papaguena”, un proxecto de ópera electrónica ideado polo compositor Iago Hermo inspirado nos dous personaxes paxaro da “Flauta Máxica” de Mozart que se estreará nas Ruínas de San Domingos en Pontevedra o 10 de setembro e rotará logo polos concellos do Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu. O segundo é “Bailando a terra”, un ciclo de danza que achegará este verán o baile e a tradición aos bosques e carballeiras da provincia, con sesións en A Illa, Tui, Poio, Forcarei e Caldas, a cargo de Nova Galega de Danza, Trébede, Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance. A estas iniciativas hai que unir Música no Ar, que volverá levar a música clásica a espazos singulares da provincia, con 13 actuacións que arrancarán o 28 de xuño en Soutomaior e se prolongarán ata o 25 de setembro, con parada en Barro, Vila de Cruces, Covelo, Nigrán, Mos, Moaña, Meis, A Guarda, o Castelo de Sobroso, Baiona, Oia e Redondela. Tamén o programa de teatro Tornar ás Táboas, que regresará en outono aos concellos de menos de 20.000 habitantes .

Tamén son novidade os programas de Con-Fiando na Creación Artística. O primeiro, Extramuros, está a desenvolverse en Cortegada (Silleda), onde sete artistas están a realizar as súas propostas murais en colaboración coas mulleres deste territorio, mentres que Depocrea é un programa de residencias artísticas de creación compartida, que terá lugar entre outubro e novembro.Por outra banda, a institución segue Con-Fiando en programas xa asentados como Pontegal e Musigal que desenvolverá 57 actuacións noutros tantos concellos ata o 25 de setembro, e nas subvencións para actividades culturais, festivais audiovisuais, festivais musicais ou escolas de música.

No que atinxe á Con-Fiando no noso patrimonio volverá o ciclo nos castelos de Soutomaior e Sobroso en “Tras as ameas”, unha programación de 14 actuacións de diferentes disciplinas que se desenvolverá do 30 de xuño ao 1 de setembro, así como tamén as “Historias cavadas”, visitas escenificadas aos castros musealizados da provincia en setembro. Amais, nesta mesma sección tamén continuarán as Rutas de Arquitectura, con catro propostas de setembro a outubro que percorrerán espazos barrocos en Vilagarcía, Vigo, Vila de Cruces-Silleda e Caldas, guiadas por Estefanía López, Luz Paz e Paula Pita.  

Con-Fiando na Escrita, inclúe a programación da III edición da Escola de Letras e os Roteiros Literarios, para os que desde hoxe mesmo se abre a inscrición a través da web da Deputación. Serán 5 rutas, este ano de novo en primavera, que guiarán autores e autoras da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega (AELG) por espazos de Vigo, A Estrada, Bueu, Pontevedra e Cuntis entre o 29 de maio e o 26 de xuño. Por outra banda, a Deputación seguirá a apoiar as Feiras do Libro da provincia que se desenvolverán entre maio e xullo no Porriño, Ponteareas e Vigo.

Tamén o audiovisual será protagonista con Con-Fiando no cinema, no que están integrados “Pontevedra plató de cinema”, o novo servizo de asesoramento a produtoras para rodaxes Pontevedra Provincia Film Commission e o apoio aos festivais Rías Baixas Film Fest. Así mesmo, inclúese o Ciclo Mestre Mateo, coa Academia Galega do Audiovisual, que se está a desenvolver n Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei, e o Ciclo Cinema Mulleres, en colaboración co Consulado Xeral da República Arxentina, con cinema feito por mulleres de ambos lados do Atlántico.

Confiando Cultura

Tamén se organizarán exposicións enmarcadas en Con-Fiando nas artes, a artesanía e a historia, varias delas nas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo da sede de Vigo. Amais, celebraranse outras mostras itinerantes, “Cines de Pontevedra: Memorias dunha ilusión”; “Lebres como gacelas”, “Tecendo a natureza. Enrique Táboas”. Igualmente, continúan os “Camiños de Laxeiro” por lugares de inspiración do autor en Vigo (sábado 21) e Pontevedra (día 28). E están a celebrarse datas especiais co lema Con-Fiando nas datas culturais, que inclúen o Día de Rosalía, da Poesía e do Teatro e os días do Libro, da Danza, das Letras, da Música, do Cinema e o Patrimonio Audiovisual.

A Deputación facendo comunidade cultural inclúe a colaboración coa Culturgal e dúas xornadas co sector. Por un lado, coa Asociación Galega Profesional da Xestión Cultural, o Encontro Luso-Galaico os días 17 e 18 de xuño no Pazo en colaboración con Proxecta, relativo ao desenvolvemento dos festivais audiovisuais dun e doutro lado do Miño e o primeiro Encontro Internacional de Mulleres da e na Escena, en outubro, co colectivo Clásicas e Modernas. Será en Vigo e contará con relatorios de primeiro nivel de países como Grecia, Francia, Italia e Portugal. Froito do encontro emprenderase a creación dunha Rede Europea de Mulleres da Escena para traballar en prol da igualdade.

Como Recoñecemento a quen Con-Fían a nosa Cultura, inclúense os premios Otero Pedrayo, e a II edición de Mulleres no Foco, “Os Mestra Matea do audiovisual”, que terán a súa gala en setembro en Pontevedra. No eido das colaboracións con entidades inclúense os Premios María Luz Morales coa Academia Galega do Audiovisual; os Premios Martín Códax, a Asociación Ponte nas Ondas, a UNED e as fundacións Laxeiro, MARCO, Penzol, o Museo do  Pobo Galego.

Amais da programación de “Con-Fiando Cultura”, a Deputación inviste 3,2 millóns de euros en actividades culturais a través dos diferentes servizos da institución ben sexa cos programas de dinamización da lingua galega, dos servizos de normalización lingüística, da publicación e edicións audiovisuais, da posta en valor do patrimonio histórico-cultural, da musealización dos xacementos, do desenvolvemento de contidos divulgativos e pedagóxicos, da posta en valor do patrimonio da Idade de Ferro, aos eventos con recoñecemento internacional do patrimonio inmaterial, ou de certames e premios como Novos Valores ou á Xuventude ou programas como Descúbreas, DepoRúArte e Mulleres en Acción. Violencia Zero. Inclúense tamén aquí os Rías Baixas Fest.

Noticias relacionadas

 
		A Deputación e Culturgal redobran a súa alianza na estratexia de visibilizar a revolución cultural que vive Galicia

A Deputación e Culturgal redobran a súa alianza na estratexia de visibilizar a revolución cultural que vive Galicia

A presidenta, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial, á nova directora da feira, Eva Alonso, nun acto no que ambas puxeron en valor o papel das mulleres en todos os eidos

 
		O Ciclo Mestre Mateo volve coa proxección da película “Cuñados” en cinco concellos da provincia

O Ciclo Mestre Mateo volve coa proxección da película “Cuñados” en cinco concellos da provincia

As sesións terán lugar este venres, día 9, e o sábado 17 en espazos culturais de Poio, Forcarei, Redondela e Cambados, tras o seu recente paso polo concello de Ponteareas

 
		A Escola de Letras abre o próximo luns as inscricións para o último obradoiro deste ano impartido por Elvira Ribeiro

A Escola de Letras abre o próximo luns as inscricións para o último obradoiro deste ano impartido por Elvira Ribeiro

Este mes a Escola da Deputación e Galaxia retoma a súa actividade co inicio dos talleres literarios en Vigo e Pontevedra, con Diego Giráldez e Anna Figueiredo

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 23 resultados.