#CULTURA

DÍA MUNDIAL DA DANZA 2023

Centenario Rey de Viana

A Deputación de Pontevedra dedícalle o Día Internacional da Danza deste 2023 a unha figura moi relevante da cultura galega, fundamental na conservación e na difusión do folclore tradicional: José Manuel Rey de Viana. O 23 de abril faranse cen anos do seu nacemento e queremos poñer en valor a súa pegada na danza actual galega, portadora de vangarda, mais embaixadora do noso legado.

Aproveitando a proximidade do día propio do centenario e do Día Internacional da Danza, propoñemos un dobre acto nas sedes da Deputación en Pontevedra e en Vigo, en colaboración co Ballet Folclórico Galego, que está composto por alumnado de diferentes agrupacións folclóricas de Galicia que dirixe Eduardo Alves da Costa Lojo: a Escola de Danza Vila de Baiona (Baiona), a Agrupación Folclórica CEAR Castromao (Mondariz) e a Agrupación Folclórica Hai Que Roelo (Cuntis)

Venres 28 de abril – Porta do Sol (Vigo), ás 19 h

Sábado 29 de abril – Pazo Provincial (Pontevedra), ás 12 h

Ballet Maite Quiñones (repertorio clásico e contemporáneo)

Ballet Folclórico Galego (coreografías de J. M. Rey de Viana)

Actuación conxunta. Duración: 1 h e 15 min

Confirmación de asistencia: participa.cultura@depo.gal


JOSÉ MANUEL REY DE VIANA E O BALLET GALEGO REY DE VIANA

O Ballet Galego Rey de Viana (BGRV) nace en 1949 como iniciativa persoal de José Manuel Rey de Viana, que desde neno creceu e se formou con ese obxectivo: crear en Galicia unha compañía coreográfica á maneira das grandes compañías de danza do mundo. O fundador do BGRV formouse xunto a grandes nomes da danza moderna e aproveitou a súa estancia en Alemaña para perfeccionar a súa técnica clásica e profundar no estudo da danza folclórica mundial.

De regreso á súa Galicia natal, e en unión con Vitoria Canedo, a súa esposa, máxima colaboradora e mestra de baile, propúxose como principal reto na súa carreira profesional a exaltación da danza de carácter popular e a dignificación dos bailes galegos. Para alcanzar estes obxectivos, o coreógrafo comezou o seu traballo e percorreu Galicia para recuperar con total respecto as características autóctonas daquelas danzas, lendas e tradicións nas que se reflectía o carácter do pobo galego; material que logo recrearía nas súas propias coreografías. Ao mesmo tempo, realizou unha profunda investigación da indumentaria e do vestiario das distintas zonas de Galicia a través do tempo. O resultado foi unha coidada recuperación dos traxes de finais do século xviii, de vivas cores, elaborados en seda e bordados con pedras de acibeche finamente traballadas.

Os comezos do BGRV foron lentos e desalentadores —na Galicia dos cincuenta non se dispoñía da máis mínima infraestrutura, nin da tradición necesaria para o desenvolvemento dunha compañía destas características— polo que a primeira actuación pública do BGRV non foi ata 1955 na Coruña. Aquel día 36 persoas, das que 24 integraban o corpo de baile, representaron un conxunto de danzas que procedían das montañas e das zonas costeiras. Nestes bailes mesturábase a danza tradicional coa visión orixinal e particular que sobre o baile tiña José Manuel Rey de Viana, mestura que se convertería na marca de fábrica do BGRV.

REY DE VIANA

Por mor daquela actuación a compañía comeza unha xira —palabra demasiado ambiciosa para a época— por distintos escenarios galegos, pero non será ata 1959 cando reciba a primeira invitación dun organismo público. Ese ano, o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid convida a compañía a participar no Festival de Danza Hispanoamericana que tivo lugar na praza de touros de Cáceres. Seguirán actuacións por todo o mundo, tanto por Europa (París, Londres, Madrid, San Remo, Bruxelas, Dublín, Holanda…) coma polo continente americano (Nova York, Bos Aires, México…), participacións en festivais coma o Festival Mundial de Ballet Folclórico en Venecia; o Festival de Guanajuato, en 1979, en México; o Festival Intercéltico de Lorient, en 2001; unha xira por Sudamérica dentro da organización dos famosos Festivais de España e actuacións no pavillón español da Feira Mundial de Nova York durante tres meses.

Froito deste traballo o BGRV recibiu 20 premios internacionais e nacionais, entre os que destacan o primeiro premio Ciudad de Cáceres do Festival de Danza Hispanoamericana en 1959; o galardón ao mellor conxunto estranxeiro nos Festivais Internacionais de Bélxica; o título de Primeiro Ballet Folclórico do Mundo, outorgado no Festival Céltico de Quimper, en Francia, en 1969; o Afonso X O Sabio; a Medalla de Ouro da Feira Mundial de Nova York; a Medalla de Ouro do Festival Milenario de Luxemburgo ou Pedrón de Ouro, que se lle entregou en 1966 a José Manuel Rey de Viana, facéndose público o testamento que o BGRV lle legaba ao pobo galego.

En 1991, coa posta en marcha do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), o BGRV convértese en parte deste organismo autónomo, como unidade de produción de espectáculos coreográficos. Nesta etapa co IGAEM o BGRV seguiu con xiras por diferentes cidades españolas; tamén estivo en Nova York en dúas ocasións (1993 e 2002) e na Arxentina, en Chile, no Uruguai etc.

Tras a morte do seu fundador en 1995, e co fin de darlle continuidade á súa obra, a dirección da compañía asúmea a súa esposa e máxima colaboradora, Vitoria Canedo, quen ata ese momento ocupara o cargo de subdirectora. Durante esta etapa créanse novas coreografías fieis á identidade do proxecto. A actividade da BGRV remata en 2005, co cese de Vitoria Canedo.

Desde que se fundou o BGRV pasaron pola súa escola máis de mil bailarinas e bailaríns, que hoxe en día desenvolven o seu labor artístico en agrupacións profesionais e escolas de danza que manteñen vivo o seu legado.

MÁIS INFORMACIÓN