#CULTURA
Día do Libro 2024
A desCuberta dos libros!
Desde a Deputación de Pontevedra propoñemos celebrar o Día do Libro homenaxeando a infancia, as primeiras lectoras e lectores, aos primeiros libros que collemos e collen as mans máis pequenas e a sensación especial que sentimos como cativas e cativos, e tamén como nais e pais, cando acontece a descuberta dos libros!
Por iso, queremos poñer de relevo a importancia da ilustración nas edicións infantís, a atracción que xera a imaxe xa desde a cuberta para animar os ollos pequenos a achegarse a un libro, a escoitar unha historia, a soñar con ela, a inventar unha nova e, máis tarde, a aprender a lela ao pé da letra. Este Día do Libro na Deputación de Pontevedra será tamén unha homenaxe ás ilustradoras e ilustradores e ás editoriais referencia no libro infantil, un mundo no que a provincia de Pontevedra pode presumir de berce e talento.
Convidamos a toda a cidadanía a celebrar esta data asentada e perfecta para lembrar as nosas lecturas favoritas, porque o poder dos libros para espertar emocións, sentimentos e recordos é enorme, máis aínda cando se trata da primeira vez.
A desCuberta dos libros!
Actividade polo Día do Libro. Martes 23 de abril, 11 h. Vestíbulo do Pazo provincial
Enchemos o espazo do vestíbulo do Pazo provincial coa imaxinación e o recordo dos libros infantís nunha actividade de contos e ilustración, un convite a que as nenas e os nenos se acheguen co seu libro favorito para facer unha lectura compartida.
CONTOS DEBUXADOS, DEBUXOS CONTADOS (CAXOTO & MARC TAEGER)
Que pasa cando xuntas ilustración e palabra escrita? Que xorden os grandes álbums ilustrados.
Que pasa cando xuntas ilustración e palabra contada? Pois que xorde Contos debuxados, debuxos contados.
O ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto executan este man a man escénico nun perigoso experimento que non foi aprobado por ningunha autoridade competente. Dun lado, a picaresca, o trazo conciso e a fantasía visual de Marc; doutro, a retranca, a voz firme e o maxín bulebule de Caxoto. E por se iso fose pouco, nun triplo salto mortal a esta mestura engadímoslle a participación imprevisible do público… Que temos como resultado? Pois un espectáculo cheo de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada, algunha que outra liorta escénica e moita, moitísima diversión cos libros a man!
Crea o teu primeiro libro
Propoñemos dous pequelibros ilustrados para que as e os máis pequenos escriban o seu propio conto.
Descárgao e prégao á metade para darlle forma de libriño e que eles completen os espazos e creen a súa propia historia.
E, se desexas compartilo con nós, tíralle fotografías ou escanéao e mándanolo a participa.cultura@depo.gal!
Marc Taeger
Ilustrador e deseñador especializado en traballos editoriais. Nado en 1963 en Bern (Suíza), pasou a súa infancia en Italia, Alemaña e España. Actualmente vive en Bueu (Pontevedra), onde traballa como ilustrador para publicidade, editoriais e prensa.
Estudou Deseño Gráfico e Ilustración na Escola Superior de Comunicación Visual de Trier (Alemaña). Pasou dous anos na axencia de publicidade Imparc en Düsseldorf coas deseñadoras Marion Lange e Elli Vogel. Iniciou a súa carreira como ilustrador en Barcelona, onde residiu durante vinte anos.
Tivo diferentes traballos expositivos en diversos países e recibiu varios premios, entre eles o Premio Daniel Gil de Ilustración e dous Laus, que concede a Asociación de Deseñadores Gráficos de España.
Está mergullado na presentación do seu último libro ilustrado, O elefante que perdeu o seu ollo, da editorial Kalandraka, unha fábula tradicional africana contada polo narrador Boniface Ofogo.
Conto ilustrado por Marc Taeger (Pdf)"
Alicia Suárez
Nacida en Pontevedra en 1974, é licenciada en Belas Artes pola especialidade de Pintura na Universidade de Vigo. Comeza a súa incursión na literatura infantil con Kalandraka en 1998, editorial na que desde o ano 2007 ilustra a colección Makaquiños, de contos para nenas e nenos con necesidades educativas específicas.
Desenvolveu o seu traballo como ilustradora profesional colaborando en libros de texto para educación primaria, e tamén ilustrou carteis, participou en exposicións para organismos oficiais e expuxo o seu traballo en certames internacionais coma a Bienal de Bratislava.
Despois de ilustrar máis de quince contos e álbums ilustrados para diferentes editoriais, na actualidade traballa na creación de proxectos escritos e ilustrados por ela mesma; Un ollo para ler, da editorial Galaxia, é o primeiro deles.
Conto ilustrado por Alicia Suárez (Pdf)"