Calidade

Calidade

O sector público, en xeral, e a Administración local, en particular, han de estar próximos ás inquedanzas da cidadanía e responder con prontitude e dilixencia ás súas necesidades. A implantación de sistemas de calidade na xestión permite acadar este obxectivo, de xeito que se consegue unha maior satisfacción dos usuarios e usuarias e, ao mesmo tempo, se optimizan os recursos empregados e se mellora a eficiencia.

As administracións realizaron un achegamento ás ferramentas de calidade, tendo como referencia a consideración do cidadán como "cliente" receptor dos servizos que prestan. Esta aproximación produciuse desde diferentes enfoques, coa aplicación de autoavaliacións, cartas de servizos e xestión de indicadores.

A política de calidade da Deputación de Pontevedra esténdese a diferentes servizos e departamentos e é obxecto de revisión periódica para asegurar a súa adecuación aos obxectivos pretendidos.

Finca Mouriscade

A presidencia da Deputación de Pontevedra xunto coa Dirección da Finca Mouriscade son conscientes das novas regras de competencia técnica que se van introducindo para os laboratorios de ensaios e por iso queren pór de manifesto o seu compromiso de enfocar todos os esforzos para mellorar a calidade dos servizos prestados pola Finca Mouriscade, co fin de traballar a un nivel no que a competencia técnica sexa recoñecida por un organismo acreditador.

Para iso a Deputación de Pontevedra e a Finca Mouriscade establecen como obxectivos:

  • Asegurar que os ensaios se realicen segundo os métodos establecidos e as especificacións que os clientes establezan.
  • Asegurar a formación continua do persoal do laboratorio tanto en materia de ensaios coma en materia de calidade.
  • Asegurar que todos os ensaios que se realicen se atopen sometidos a un rigoroso control de calidade que garanta a súa fiabilidade.
  • Satisfacer as necesidades dos nosos clientes, das autoridades reguladoras ou das organizacións encargadas do recoñecemento do laboratorio.
  • Mellorar o servizo prestado ós nosos clientes.
  

Para cumprir os obxectivos establecidos comprométense a:

  • Cumprir os requisitos da norma internacional ISO/IEC1 17.025.
  • Asegurar que o laboratorio siga unhas boas prácticas profesionais.
  • Asegurar o adecuado nivel do traballo do laboratorio para garantir a satisfacción dos nosos clientes e a calidade dos ensaios realizados.
  • Promover a adquisición dos recursos materiais e humanos que sexan necesarios para a consecución do mencionado obxectivo.
  

A calidade é un propósito e unha responsabilidade de todo o persoal do laboratorio. Por iso establecemos como requisito imprescindible para a consecución desta política que todo o persoal se familiarice coa documentación sobre a calidade e poña en práctica, no seu traballo diario, os procedementos establecidos.

A presidencia da Deputación delega na Dirección da Finca Mouriscade a responsabilidade de implantar o sistema de calidade e encoméndalle ó responsable de Calidade a tarefa de supervisar a eficacia e implantación do Sistema da Calidade e de garantir que se implante e aplique en todo momento.

Estación Fitopatolóxica Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro ten por obxectivo prioritario mellorar continuamente a calidade dos servizos prestados aos clientes. Por iso adaptou o seu funcionamento aos requisitos que establece a norma de xestión de calidade UNE-EN ISO 9001 e obtivo o recoñecemento externo da adecuada xestión da calidade do seu laboratorio por parte dunha entidade de certificación de calidade (concretamente AENOR).

Na actualidade a Estación Fitopatolóxica Areeiro está certificada para realizar as seguintes actividades desenvolvidas no laboratorio:

  • Detección e identificación de fungos fitopatóxenos e fitoplasmas por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación).
  • Análises físico-químicas en kiwi (dureza, tamaño, sólidos solubles, amidón, acidez total e % de materia seca).
  • Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
  • Detección de virus (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV; GFKV) e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa, da vide, e Xylella fastidiosa, de leñosas e ornamentais, pola técnica ELISA.
  • Análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica e fósforo).

Turismo Rías Baixas

Turismo Rías Baixas entende a calidade como o conxunto de características do servizo que realiza e que lle confiren a súa aptitude para satisfacer as necesidades da ou do usuario.

O principal obxectivo dos servizos de atención de Turismo Rías Baixas é facer da calidade un elemento básico na cultura do destino Rías Baixas, implicando para iso a todo o persoal afectado no cumprimento dos requisitos do Sistema de Calidade da norma UNE-ISO 14785: 2015 de Oficinas de información turística, asegurando unha mellora continua e a satisfacción da ou do turista.

Por iso, a Ordenanza reguladora da creación da rede de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS, segue as pautas da norma UNE-ISO 14785 e trata de coordinar e impulsar accións de promoción do destino Rías Baixas, apostando por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, formación e información do persoal implicado, unha imaxe integrada e unhas características homoxéneas.

As políticas de calidade de Turismo Rías Baixas partes dos seguintes puntos:

  1. A CALIDADE é a sensación de satisfacción de calquera cliente, en relación do que obtén polo que custa conseguilo
  2. A CALIDADE é o resultado dun estado de ánimo e de ilusión que é necesario manter e mellorar
  3. A CALIDADE constrúese con tempo, paciencia, constancia, vigor e con moitísimas ganas de alcanzar ese nivel
  4. A xestión da CALIDADE depende da CALIDADE da ou do xestor do punto de información turística e do destino en xeral
  5. A CALIDADE é asunto de todas e todos, asocia a quen ten algo que ofrecer con quen ten algo que comprar
  6. A organización do traballo e a motivación detrás dela é máis positiva para a CALIDADE que a multiplicación dos controis
  7. As suxestións do propio persoal son un dos maiores recursos de Turismo Rías Baixas para mellorar a CALIDADE do noso destino
  8. O xuíz supremo da CALIDADE en destino é a ou o turista que nos visita

Servicio de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local

A calidade e modernización da Administración pública non é unha moda, senón unha necesidade.

O sector público e, en particular, a Administración local han de estar máis próximos ás inquietudes dos grupos de interese e formar e sensibilizar o persoal para lograr unha Administración máis receptiva e accesible, que responda con prontitude ás novas necesidades, facilite máis información e potencie unha maior participación entre a cidadanía e o persoal ao servizo da mesma.

A Administración local é a máis próxima ás e aos cidadáns, a que ocupa unha mellor posición para escoitar e responder e a que ten máis razóns para cambiar. Por iso é necesario modernizarse e innovar de forma sistemática e planificada, utilizando técnicas e modelos de xestión de calidade contrastados.

A política de calidade serve de marco para establecer os obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, de acordo coas liñas estratéxicas impulsadas para a promoción da formación e do emprego, que inclúen:

  • Programas para o impulso da cultura emprendedora e o autoemprego no ámbito educativo, na formación profesional para o emprego e na práctica laboral
  • Programas de formación vinculados á obtención de certificados de profesionalidade que permitan mellorar as cualificacións e as competencias profesionais
  • Programas dirixidos a promover a produtividade e a empregabilidade que combinen accións de orientación e de apoio coa procura de emprego por conta allea

A política de calidade comunicaráselle formalmente a todos os grupos de interese mediante a súa difusión na páxina web da Deputación de Pontevedra e será obxecto de revisión anual para asegurar a súa adecuación ao propósito, ao contexto e á estratexia do Servizo.

A Presidencia comprométese á mellora continua e ao cumprimento dos requisitos de aplicación.

As directrices xerais que se establecen para a consecución dos obxectivos do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local son as seguintes:

  • Lograr a plena satisfacción dos grupos de interese, proporcionándolles servizos acordes cos requisitos, necesidades, expectativas e especificacións establecidas nas disposicións de aplicación
  • Establecer un protocolo documentado para asegurar a calidade dos servizos
  • Implantar a mellora continua como norma de conduta
  • Dotar de medios e recursos necesarios para o seu logro
  • Dotar o responsable de xestión da autoridade necesaria para avaliar a adecuación e eficacia do sistema de xestión de calidade

A presidencia da Deputación Provincial de Pontevedra comprométese a desenvolver as directrices que se establecen nesta política e no propio sistema de xestión de calidade.

Última modificación: xoves, 01 xullo 2021