#TRANSPARENCIA

As vicepresidencias

da Deputación de Pontevedra

O nomeamento e as funcións da Vicepresidencia da Deputación determínanse nos artigos 66, 67 e 68 do Real decreto 2568/1986, de 28 de novembro de 1986, de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.


Os vicepresidentes, tal e como se indica no artigo 66, serán libremente nomeados e cesados polo presidente de entre os membros da Comisión de Goberno. Os nomeamentos e os cesamentos faranse mediante resolución do presidente, da que lle dará conta ao Pleno na primeira sesión que se celebre e, ademais, notificará persoalmente as persoas designadas. Deben publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, sen prexuízo da súa efectividade desde o día seguinte ao da sinatura da resolución por parte do presidente, se nela non se dispón outra cousa.

Os vicepresidentes substitúen na totalidade das súas funcións, e por orde do seu nomeamento, o presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que o imposibilite para o exercicio das súas atribucións, e tamén desempeñan as súas funcións nos supostos de vacante na Presidencia ata que tome posesión o novo presidente.

Cando durante a celebración dunha sesión tivese que absterse de intervir o presidente en relación con algún punto concreto desta, substituirao automaticamente na Presidencia o vicepresidente. Nos supostos de substitución do presidente por razón de ausencia ou enfermidade, o vicepresidente que asuma as súas funcións non poderá revogar as delegacións que outorgase o primeiro en virtude do disposto no real decreto.

Na Deputación de Pontevedra existen dúas vicepresidencias: a primeira, ocupada pola deputada viguesa Marta Fernández-Tapias Núñez, e a segunda, que ostenta o deputado pontevedrés Rafael Domínguez Artime.

MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS NÚÑEZ

VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias Núñez, encárgase da promoción cultural e do fomento do deporte na provincia de Pontevedra, así como da xestión da Sede de Vigo da institución provincial.

Entre os seus principais obxectivos están impulsar programas para a difusión do talento e a creatividade, así como fomentar a cultura, ao poñer o foco na necesidade de espallala por toda a xeografía da provincia de Pontevedra.

No que respecta ao ámbito deportivo, ademais de encargarse de xestionar as instalacións deportivas do Centro Príncipe Felipe, Marta Fernández-Tapias pretende impulsar a provincia como escenario de grandes eventos deportivos e apostar polo fomento do deporte feminino e entre as persoas con diversidade funcional.

 

 

MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS NÚÑEZ

VICEPRESIDENCIA SEGUNDA

A segunda vicepresidencia da Deputación de Pontevedra ocúpaa Rafael Domínguez Artime, encargado das áreas de Economía e Fomento do Emprego, do Museo de Pontevedra e da xestión de iniciativas na contorna da capital da provincia.

Nas áreas de Economía e Fomento do Emprego, Rafael Domínguez ten como obxectivo impulsar programas de desenvolvemento empresarial e iniciativas de apoio ás pemes, ás persoas autónomas e ao sector comercial. Ademais, tamén traballará na promoción do solo e no desenvolvemento de polígonos e parques empresariais, así como no impulso dos viveiros de empresas e dos programas de emprendemento.

Canto ao Museo de Pontevedra, o vicepresidente aposta pola súa modernización e innovación, polo que impulsará a súa promoción cultural e se centrará na rehabilitación e na posta en valor do convento de Santa Clara, uns dos seus sete edificios. Tamén promoverá o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e apostará polo fomento do arquivo, pola dixitalización de fondos e pola memoria histórica.

Actualización anual