#HaiMulleres

CINEMA MULLERES

CICLO DE CINEMA FEMINISTA GALICIA-ARXENTINA

Coas premisas fundamentais de reivindicar a igualdade e o papel da muller na produción audiovisual actual, a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo e co Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o pasado 2021 puxo en marcha “Cinema mulleres”, un proxecto de visibilización, reflexión e debate con perspectiva de xénero no eido do cinema no que se vencellan dous contextos socioculturais tan diferentes coma próximos: Galicia e Arxentina.


Partindo do momento doce que está a vivir a produción audiovisual en Galicia, en auxe e expansión, que sitúa o noso territorio e o novo cinema galego no foco da innovación e tece pontes culturais e sociais coa Arxentina, “Cinema mulleres” presentou unhas xornadas de proxección e debate coas protagonistas dos filmes (directoras, produtoras, guionistas e actrices), onde o público puido achegarse ao cinema máis social e comprometido, de ambas as ribeiras, para coñecer e contrastar a realidade das mulleres no audiovisual nos dous contextos.

E, por suposto, falamos tamén das desigualdades que as mulleres sofren no cinema, que tamén reflicten nas súas producións. A pesar da infrarrepresentación actual das mulleres no sector profesional do cinema, son moitas as que utilizan esta disciplina artística como ferramenta de cambio social, como vehículo para contar as historias das mulleres, moitas veces silenciadas, invisibilizadas, obviadas e mesmo censuradas.

Así, “Cinema mulleres” nacía co espírito de cruzar fronteiras, como un canto á sororidade para construír coñecemento compartido e fomentar un pensamento crítico sobre a desigualdade de xénero, para debater e reflexionar xuntas desde a produción audiovisual galega e arxentina feita por mulleres de ambas as ribeiras do Atlántico e, ademais, facelo da man das profesionais, de diálogos compartidos entre as directoras, produtoras e protagonistas dos filmes, nun coloquio participativo co público.

E nesta colaboración interinstitucional tan especial co Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo, desde a Deputación de Pontevedra tamén queremos volver facer unha chiscadela ao labor do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais da Arxentina, este ano máis presente no ciclo a través da presenza da coordinadora do programa “Gafas violetas”, que traballa arreo na implementación de políticas públicas pola equidade de xénero no sector. 

E a gran novidade desta segunda edición é que o ciclo aumenta as xornadas e salta “o charco” para chegar o último día á Arxentina: ao Centro Cultural 25 de Mayo en Bos Aires.

Confirmación de asistencia para os días 28 de outubro, 8 e 17 de novembro en participa.cultura@depo.gal

PROGRAMA

  •   VENRES 28 DE OUTUBRO DE 2022
    •   De 18:30 a 20:00 h
    •   Galería A3 do MARCO de Vigo
    • Presentación do ciclo por parte das autoridades:
      • Presidenta da Deputación de Pontevedra
      • Cónsul da Arxentina en Vigo
      • Coordinadora do ciclo “Gafas violetas”
    • Coloquio-mesa redonda
      • Participan presencialmente: Lorena Damonde (coordinadora do programa Gafas Violetas, del INCAA, Argentina), Manane Rodríguez (directora de Onde mais doe), Carmen P. Granxeiro (directora de Benvidas ao Club), Diana Lopez (directora de Feminazi), Alexandra Vázquez (actriz de As Mulleres Salvaxes) e Nati Juncal (produtora executiva de A Poeta Analfabeta).
      • Por zoom: Carolina Zarzoso Paoloni, programadora de cine do Centro Cultural 25 Mayo (Buenos Aires); Malena Chabrol (directora de La cuarta ola) e Inés Barrionuevo (directora de Las Motitos).
  •   MARTES 8 DE NOVEMBRO DE 2022
    •   De 18:30 a 20:30 h
    •   Galería A3 do MARCO de Vigo
    • Anuncios con perspectiva de xénero
    • Presentación dos filmes que se van proxectar (voz en off)
    • Proxeccións
      • Onde máis doe

        LONGAMETRAXE GALEGA

        Onde máis doe, de Manane Rodríguez  (2022, 65')

        Longametraxe documental de ficción sobre a violencia vicaria. Nel a cineasta reflexiona sobre o chamado síndrome de Medea, que se manifesta cando unha ou un dos proxenitores lles arrebata a vida ás súas fillas e fillos como instrumento de poder para vingarse da súa parella.
        #violenciavicaria #violenciamachista

      • La cuarta ola

        CURTAMETRAXE ARXENTINA

        La cuarta ola, de Elena Jayat e Malena Chabrol (2018, 19')

        Nas rúas de Córdoba a xente opina sobre feminismo, nun marco no que a historia das mulleres que loitaron polos seus dereitos se volve actualidade. Arxentina é un foco ineludible na revolución feminista máis grande dos últimos tempos: a cuarta ola.
        #feminismo #AmericaLatina

  •   XOVES 17 DE NOVEMBRO DE 2022
    •   De 18:30 a 20:30 h
    •   Galería A3 do MARCO de Vigo
    • Anuncios con perspectiva de xénero
    • Presentación dos filmes que se van proxectar (voz en off)
    • Proxeccións
      • Las motitos

        LONGAMETRAXE ARXENTINA

        Las motitos, de Inés Barrionuevo e Gabriela Vida (2020, 84')

        En toda Córdoba hai unha onda de saqueos e a Policía estase levando moitas e moitos mozos. No medio deste período convulso, a adolescente Juliana queda preñada do seu mozo, Lautaro. Ela quere abortar, pero ten medo de facelo con pastillas e non ten cartos para pagar unha intervención.
        #adolescencia #maternidades #aborto #desigualdadesocial

      • Benvidas ao Club

        CURTAMETRAXE GALEGA

        Benvidas ao Club, de Carmen P. Granxeiro (2018, 28')

        Curtametraxe documental; unha viaxe ao inferno onde centos de mulleres son vítimas da corrupción e da violencia, unha viaxe salpicada polas drogas e que ten lugar ao noso lado. A operación Carioca é a maior investigación contra a trata que se produciu en España.
        #prostitución #violenciasexual #esclavitudesexual #trata #abolicionismo

         

  •   XOVES 24 DE NOVEMBRO DE 2022
    •   De 20:00 a 22:00 h horas (horario na Arxentina)
    •   Centro Cultural 25 de Mayo (Bos Aires)
    • Anuncios con perspectiva de xénero
    • Presentación das curtametraxes e da longametraxe que se van proxectar
      • Vídeo da presidenta da Deputación
      • Vídeos das directoras dos filmes galegos
    • Proxeccións
      • Feminazi

        CURTAMETRAXE GALEGA

        Feminazi, de Diana López Varela (2018, 16’)

        Curtametraxe de ficción, protagonizada por Laura Míguez e Fernando González, que presenta de forma paródica a concepción absurda e ridícula do feminismo por parte de moitos homes.
        #feminismo #patriarcado #sociedade

      • As mulleres salvaxes

        CURTAMETRAXE GALEGA

        As mulleres salvaxes, de Eire García (2018, 22’)

        Curtametraxe de ficción. Cinco amigas, unha festa de disfraces. O imperativo do convite é que os disfraces sexan de animais. A noite revélase xa como unha xungla. Para Clara a festa terminará pronto ao ter que enfrontarse a unha situación que leva tempo esperando, e o resto de compañeiras non tardarán en facer propio o conflito. Un debate que deixa de ser dunha soa e se volve colectivo para crear entre todas unha nova historia.
        #feminismo #amigas

      • A poeta analfabeta

        LONGAMETRAXE GALEGA

        A poeta analfabeta, de Sonia Méndez (2020, 71’)

        Película documental que retrata unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos Luz é testemuña viva das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser vermella.
        #mulleresreferentes #activismo #feminismo

logos