#CULTURA

Exposición GRANDMA

MARÍA X. FERNÁNDEZ

GRANDMA

Do 21 de novembro de 2023 ao 10 de xaneiro de 2024, na Sala Maruja Mallo da Sede da Deputación en Vigo

Apertura: martes 21 de novembro ás 19:00 horas

 


Cartel Grandma

En "Grandma", María X. Fernández mergúllase nas complexidades da herdanza materna e feminina. A artista, manipulando o papel extraído de numerosos exemplares da revista Labores del Hogar, coleccionados pola súa nai desde os anos setenta, desata unha reflexión visual e conceptual sobre as complicadas relacións entre a creatividade feminina, a opresión cultural e a necesidade de liberación artística. 

As formas xeométricas deformadas presentes nas obras non son só exercicios compositivos; son símbolos da sensación mesturada entre encarceramento e refuxio, contemplando a tradición de encadramento da creatividade feminina. Estas formas complicadas transmiten unha loita interna de amor e odio cara á herdanza recibida, e reflicten o conflito entre aceptación e rebelión e ilustran as grandes limitacións impostas ás mulleres no ámbito creativo.

A elección da revista Labores del Hogar como materia prima revela unha intención de confrontación cara ás estruturas historicamente anuladoras da creatividade feminina. Neste contexto, a destrución destas revistas e a reutilización do seu papel, son tanto un acto físico de transformación coma un proceso de curación e liberación. O material, orixinariamente destinado a canles moi específicas de traballo guiado, convértese nunha ferramenta para expresar resistencia e emancipación creativa.

A intervención nos padróns de bordado, a reinterpretación libre da xeometría e a conversión dos vellos exemplares en estruturas orgánicas reflicten un enfrontamento co traballo enteiramente dirixido. Cada trazo e transformación sinalan un proceso de evolución, reinterpretación e ruptura coas directrices establecidas, e mostran unha muller que, a pesar das restricións, florece e avanza, desafiando a percepción limitada da sociedade sobre a súa capacidade creativa.

Cartel Grandma

"Grandma" é un testemuño visual de María X. Fernández sobre a resistencia e a adaptabilidade da creatividade feminina. Neste espazo expositivo, as revistas de labores non son simplemente obxectos obsoletos, son testemuñas silenciosas dunha transformación radical. A artista intervén o papel, que en orixe contiña información restritiva, en estruturas que crecen organicamente, bloqueando a maior parte do contido orixinal. A exposición é unha afirmación poderosa da capacidade da creatividade feminina para florecer e reinventarse, mesmo nos espazos aparentemente máis restritivos. Estas revistas son, ao mesmo tempo, un símbolo de cohesión feminina que pasa de xeración en xeración, como pasan tradicións que foron un nexo de congregación, comunicación e organización, en tempos en que as mulleres tiñan que atopar escusas para facelo. A examinación repetitva que María leva a cabo sobre o material impreso é, ao mesmo tempo, unha homenaxe a estas mulleres. Durante as horas e horas  dedicadas a manipular o papel, a artista debe ter meditado sobre as vidas das mulleres que se atopaban atrapadas durante horas facendo labores. Non podemos ver este acto só coma un iconoclasismo, senón tamén como un exercicio da artista para experimentar, nos seus propios termos, a repetición dos labores femininos.

 

Elena Bangueses,

Comisaria

*Proxecto premiado na I Convocatoria #CultivaCultura

 

BIOS

María X. Fernández

Artista visual nada en Vigo, transita con liberdade entre diferentes medios cun claro carácter experimental. De formación autodidacta, desde o seu inicio desenvolve o seu traballo nas lindes entre a escultura, a pintura e a instalación in situ. A procura da liberdade creativa e a constante investigación guían un proceso de abandono das normas e deconstrución, de destilación e depuración. As súas instalacións inclúen frecuentemente proxeccións con lentes ópticas, libros intervidos ou fotografías manipuladas, entre outros elementos.

Nos seus traballos máis recentes céntrase no ser humano, tanto no aspecto individual coma social, especialmente no xénero, e incide nas formas de dominación e violencia. A conciencia ecolóxica penetra en todos os proxectos de xeito transversal. En 2023 obtivo o Premio CultivaCultura da Deputación de Pontevedra, ano no que tamén foi seleccionada no Certame Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña, no Festival Intersección e no Certame Eixe Atlántico entre Galicia e Portugal 23-24. Así mesmo, realizou instalacións in situ no Museu dos Terceiros, na Capela das Pereiras e no Museu do Brinquedo de Ponte de Lima, na Casa do Comércio de Braga, no Vello Cárcere de Lugo, na Sala de Arquitectos de Vigo, na Casa das Artes de Vigo, na Casa da Parra ou na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, entre outros. Tamén fixo exposicións de forma individual na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, na Casa de Galicia de Madrid, no Vello Cárcere de Lugo, no Museo Liste, na Sala Apo’strophe de Vigo, no pazo de Torrado de Cambados, no Museo Arqueolóxico de Ourense, na Sala Amalia Búa de Bueu e no auditorio municipal de Cangas. Participou tamén en mostras colectivas en España, en Portugal, no Reino Unido, nos Estados Unidos, en Italia e en Alemaña.

Elena Bangueses

(Bueu, 1984)

É historiadora da arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ten un máster en Xestión Cultural pola City University of London, no Reino Unido.

Traballou durante sete anos como xerente na Galería Saatchi de Londres, onde desenvolveu numerosos proxectos de exhibición e venda de arte. Actualmente traballa, principalmente, como comisaria e xestora cultural independente. Durante os últimos tres anos encargouse da xestión e coordinación do Espazo de Arte Contemporánea para Culturgal Feira das Industrias Culturais.

Outra das súas colaboracións máis recentes foi o comisariado do Ciclo Reb/veladas na Paisaxe na Cidade da Cultura de Galicia. Banguese colabora anualmente coa USC como conferenciante convidada no máster en Xestión do Patrimonio e Mercado de Arte.

Neste ano foi comisaria de mostras na igrexa da USC, na Sala Rosalía de Castro da Deputación de Pontevedra, no Museo Provincial de Lugo e en Estudio Aberto, entre outras.