Encontro

Somos Ponte

Encontro con organizacións do sur global

Este encontro, que se realiza dentro do programa “Somos Ponte”, que fomenta a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo facilitar un coñecemento directo e profundo da cooperación ao desenvolvemento e do impacto que nela ten o apoio activo da Administración local. Co valor engadido de escoitar e dialogar coas persoas que actúan no terreo e que, nalgúns casos, lle suman ao seu perfil técnico a pertenza ás comunidades nas que se desenvolven os proxectos.


Encontro en liña a través de Zoom

Luns 11 de decembro de 2023, de 18:00 a 19:30 h

Formulario inscrición

O encontro producirase con organizacións que traballan no sur global en proxectos de cooperación ao desenvolvemento apoiados pola Deputación de Pontevedra.

Estas organizacións son socias ou contrapartes nos citados proxectos das ONGD galegas Amigas da Terra, Solidariedade Internacional e Taller de Solidariedade, respectivamente.

Trátase da Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida de Honduras, que traballou na mellora do exercicio dos dereitos das mulleres rurais de El Corpus, nun contexto moi marcado pola violencia de xénero; a Asociación Salvadoreña de Ayuda Humanitaria, involucrada nun proxecto de participación social, liderado e autonomía das mulleres de Chalatenango; a Asociación Salvadoreña Promotora de la Salud (ASPS), que parte dun proxecto de fortalecemento da seguridade alimentaria das mulleres e da súa independencia económica en San Fernando (Morazán) e Siervas de San José en Bolivia, corresponsables dun proceso de mellora de oportunidades de emprendemento e inserción no mercado laboral das mulleres de Cochabamba.