Braquiquito rosado

Brachychiton discolor F.Muell.

Braquiquito rosado

Familia: Malvaceae

Árbore semiperenne

Floración primaveral

Orixe: nativa de Australia.

Porte e altura: acada alturas de entre 7 e 10 m de altura. Tronco recto de porte piramidal.

Follas: lobuladas (de 5 a 7 lóbulos), de 10 a 15 cm de lonxitude, de cor verde, glabras na cara superior e tomentosas polo envés. Pecíolo pubescente.          

Flores: pequenas (entre 4 e 5 cm), con forma acampanada, dispostas en acios axilares (de 5 a 10 flores), de cor rosada e cáliz máis escuro e tomentoso.

Froito: folículo moi tomentoso, alongado (de 8 a 10 cm de lonxitude), rematado en punta. Cada froito contén entre 30 e 50 sementes.

Outros datos: a súa cortiza é lisa e de cor verdosa cando a planta é nova, e na súa madurez tórnase agrisada ou de cor parda con fisuras verticais. Os gomos novos son tomentosos.

Utilidades e curiosidades: especie empregada como árbore ornamental, é habitual o seu uso como plantacións lineares, en grupos ou en cultivo illado. A súa madeira non é de boa calidade, úsase para a fabricación de obxectos lixeiros.

Necesidades e cultivo: tolera moito tipo de solos, sempre que a drenaxe sexa boa. Toleran ben a salinidade, a seca e o frío se este non é moi intenso. Prefire exposicións soleadas ou de semisombra. Reprodúcese facilmente a partir das sementes, xa que a capacidade de xerminación é alta. Árbore de rápido crecemento.