Castiñeiro de Indias

Aesculus hippocastanum L.

Castiñeiro de Indias

Familia: Sapindaceae

Árbore caducifolia

Floración primaveral

Coloración outonal

Orixe: de Europa (península dos Balcáns e Bulgaria).

Porte e altura: pode acadar os 30 m de altura e a súa copa é ampla e globosa.

Follas: opostas, palmeadas, con 5-7 folíolos, obovado desiguais en tamaño, de ata 30 cm de lonxitude o folíolo central. A súa marxe é irregularmente serrada.

Froito: 6 cm de diámetro, de cor verdosa, con forma globular e cuberto de espiñas flexibles. Conteñen de unha a tres sementes similares ás castañas.

Outros datos: a súa cortiza é marrón avermellada ou agrisada e despréndese en escamas.

Utilidades e curiosidades: moi empregado como árbore ornamental en zonas urbanas pola súa vistosa floración, que pode ser de flor branca, rosada ou avermellada, dependendo da variedade. Tamén destaca o porte que acada para o seu uso como especie de sombra. A súa madeira é uniforme, lixeira e branda, non duradeira, por iso non é moi apreciada en carpintería. É empregada para feituras de mangos de coitelo, caixas e embalaxes, como combustible ou con fins medicinais.

Necesidades e cultivo: require de climas húmidos, solos profundos e ben drenados con exposición soleada. Soporta ben a contaminación urbana. Debe plantarse en lugares con suficiente espazo para desenvolver a súa copa, xa que admite mal as podas debido a que a súa madeira é pouco resistente. Aliñadas en plantacións en rúas ou parques necesitan seis metros como mínimo de distancia entre exemplares.