#LINGUA

Exposición

“O herbario de Rosalía”

O departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, da man da Casa de Rosalía, organiza a exposición “Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía”, que estará aberta do 4 ao 17 de abril, de 9:00 a 19:30 h en días laborais, no vestíbulo do Pazo provincial en Pontevedra.


A través desta iniciativa, que forma parte da programación anual da Deputación dedicada á autora fundacional da cultura galega, amósase un “herbario literario” (non científico) que se aproxima ao que podería recompilar a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra. A exposición consta de cinco seccións con corenta imaxes (oito cada unha) de diferentes plantas e flores mencionadas nas súas creacións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles.

Tamén dispón dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e coa proxección da totalidade dos pregos, para o que se conta cun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila, que traballou no proxecto xunto a María López-Sández nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.

Logo da súa estadía en Pontevedra, a mostra discorrerá por dez concellos da provincia. Nos vindeiros días abrirase un prazo durante o cal os municipios interesados poderán enviar a súa solicitude.

Documentos