#CULTURA

"Dar Alento"

Ofelia Cardo

Nesta exposición preséntanse traballos realizados hai algún tempo, algúns de hai máis de vinte anos, nos que a temática ao redor da intersección entre feminismo e ecoloxía facía que me resultase incómoda a posible interpretación das pezas desde un feminismo esencialista que rexeitaba, por iso algúns traballos non se expuxeron ata agora.

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación en Vigo

Do 8 de marzo ao 28 de abril de 2023

Inauguración: mércores 8 de marzo ás 17:30 horas

Performance de Andrea Mosquera e María Roja, co espectáculo site-specific

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es


Coñecer as novas achegas de teóricas coma Alicia H. Puleo ou Yayo Herrero desde un ecofeminismo construtivista fixo que os presente agora cunha formulación conceptual acorde co meu pensamento, onde a desvalorización da muller e da natureza é unha construción social e histórica e non a xustificación da nosa inferioridade resultado da nosa bioloxía; mostrarlle rexeitamento a un mundo que interpreta a natureza como un lugar de recursos explotables ilimitados, onde a opresión e a dominación histórica desta aseméllase ás que oprimiron ás mulleres.

“Dar alento” é un xesto na procura de insuflarlle vida a un mundo moribundo ao que coidar; tomar conciencia da precariedade da vida, da materialidade dos corpos, que son natureza e teñen necesidades biolóxicas que atender para non esquecer que sen elas o sostemento da vida é imposible.

Para iso recórrese a imaxes de árbores esgazadas, árbores que son corpos, que son natureza; a construcións vulnerables que mostran a fraxilidade do vivo; a pedras pesadas que esmagan e lastran visións dun mundo antropocéntrico e androcéntrico que se debe desmantelar.

Ofelia Cardo
Rosa García

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, con estudos de doutoramento na Universidade de Pontevedra, é docente na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense. O seu traballo xira ao redor de cuestións coma o feminismo, o dó ou recentemente a desmemoria da Guerra Civil.

Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Llorar la pena”, no espazo cultural Mur Marxinal de Ourense; “Esquecer ata esvaecer”, na Rede Museística Provincial de Lugo; “Faltarme el suelo, realizada na librería Contrabandos de Madrid; “Lastrar los ojos, na Fundación Antonio Pérez de Cuenca; ou “Cuerpo domado”, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

Das exposicións colectivas nas que participou cómpre resaltar: a selección de obras dos 25 anos da exposición “Voilá la femme”, do Museo de Pontevedra; “LA ARTEUBFIRNADA - #YahoraQUE”, unha exposición en liña comisariada por Natalia Alonso Arguengo; “Más, más, más…”, exposición virtual de ARTEINFORMANDO, comisariada por Rosalía Banet entre 2020 e 2021 (Premio DKV Arteria); e “Fondos”, unha colección permanente do Museo de Fotografía de Huete.

Recibiu os seguintes premios: Premis d’Art Públic da Biennal de Mislata Miquel Navarro 2018 (Mislata, Valencia; 2019); obradoiro con Joan Fontcuberta da bolsa 12 miradas::Riverside (Lugo, 2018); “Mostra joves creadors de L´horta ” (Quart de Poblet, Valencia; 2001); “El árbol caido”, Centro Cultural Carmen Alborch (Mislata, Valencia; 2000); entre outros.

Documentos